Empresas familiares de Lalín incorpóranse ao portal Granxafamiliar.com

venres, 13 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Hoxe a Universidade de Santiago acolleu a presentación dun proxecto que, en certa maneira, é xa un vello coñecido de Código Cero: Granxafamiliar.com, unha páxina web e tenda en liña para distribuír cara ao mundo produtos galegos do rural dos concellos de Brión e Antas de Ulla. A plataforma, que foi anunciada xa hai meses no propio ámbito da USC e –hai pouco– nunhas xornadas na Estrada sobre as posibilidades de Internet na Galiza non urbana, atópase neste intre plenamente operativa. Iso, a súa posta en marcha e o que esta significa (unha oportunidade de facer riqueza na Rede que se perdeu e que agora os galegos tentamos recuperar) foi o miolo da presentación de hoxe no Colexio de San Xerome da Universidade.
O acto, dirixido polos responsables da creación do portal (o Grupo de Investigación GIS-T Idea da USC), contou coa presenza de representantes dos devanditos Concellos, da Cooperativa Feiraco e de Cáritas Diocesana de Santiago, aos que se sumou un novo participante: o Concello de Lalín. De feito, ese foi outro dos obxectivos da xuntanza ante os medios de comunicación: dar a coñecer a incorporación deste novo socio e, máis concretamente, das explotacións rurais do ámbito familiar que, procedentes deste termo municipal, únense agora ás xa integradas de Brión e Antas de Ulla.
Durante o acto en San Xerome (na imaxe), no que tamén se aproveitou para explicar a fondo as características da iniciativa, asinouse un convenio de colaboración entre os responsables primeiros de Granxafamiliar.com e o alcalde de Lalín, Xosé Crespo.
Sobre o espírito de Granxafamiliar.com
Granxafamiliar.com é en certa medida un proxecto de inspiración irlandesa, país no que xa hai anos que se están a dar iniciativas da maneira, xeradas no eido rural e ó abeiro do cooperativismo e das asociacións de tipo veciñal (clubs sociais, clubs de fútbol, clubs de mulleres do rural, etc). Por certo que esta cuestión en concreto, a de como en Irlanda se apostou dende hai anos por empregar máis Rede ca infraestruturas puramente físicas (o contrario có caso galego) foi tratada polo miúdo hai uns cantos meses en Compostela polo profesor Patrick O´Flanagan (da Universidade de Cork). En certa maneira, unha das conclusións ás que se chegou no dito encontro e noutros semellantes foi a seguinte: a aposta de Galiza polas infraestruturas foi incompleta e perdeuse a oportunidade de pór en valor unha boa parte do seu territorio co emprego racional das redes da información. Segundo os responsables de Granxafamiliar.com, debaixo deste portal latexa un fin ben claro: recuperar o camiño deixado atrás e, xa que logo, abrir novas vías para que outras empresas e cooperativas do rural galego gañen en competitivade co uso do dixital.
Máis polo miúdo, Granxafamiliar.com abrangue até o de agora (sen contar coas da nova incorporación, as do Concello de Lalín) unhas 15 explotacións familiares dos concellos de Antas de Ulla e Brión. En liñas xerais, a medida consiste en poñer ó alcance da man destas familias as vantaxes de xestión, promoción e distribución que achega Internet. Con este obxectivo, cada granxa conta na dita plataforma web cun espazo propio para o seu uso, un microsite onde presenta os seus produtos concretos, ofrecendo servizos de información e a posibilidade de recibir visitas. Detrás deste proxecto (agora xa unha realidade) está, como dixemos, a Fundación Feiraco (en labores de financiamento), o Grupo Gis-T-Idega e a Universidade de Santiago.

PUBLICIDADE