En Rianxo, aprobada a solicitude para colocar unha antena de telefonía móbil no monte de Leiro

martes, 7 de febreiro do 2023 S. P.

Rianxo enfiou o mes de febreiro con importantes novidades tecnolóxicas que redundan en melloras importantes de conectividade para a cidadanía, con todo o que iso implica: un concello mellor conectado é tamén un concello con meirandes oportunidades sociais, económicas, estruturais, demográficas e culturais, alén do importante factor anti-despoboamento que poñen en xogo as novas ferramentas.
Entre as ditas novidades tecnolóxicas figura a aprobación, este 2 de febreiro en xunta de Goberno local, dunha solicitude para a colocación dunha antena de telefonía móbil no monte de Leiro á altura de Abuín, coa finalidade de “mellorar a deficiente cobertura móbil existente en gran parte da parroquia, desde A Pedreira e Brión até Rial e Palleiro, etc”.
O Concello explicou que esta mellora da cobertura vén cumprir un dos obxectivos que a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais perseguía ao abrir unha consulta pública de incidencias na cobertura de telefonía móbil, que o Concello de Rianxo trasladou á veciñanza nunha enquisa pública hai agora un ano.

PUBLICIDADE