En marcha a Cátedra Institucional en Patrimonio Cultural Dixital

martes, 14 de marzo do 2023 S. P.

O Obradoiro (Santiago) dende o Pazo de San Xerome (USC) nunha imaxe de Santi Alvite

A Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo (CRUSOE), constituída polas universidades de Galicia, Castela-León, Asturias, Cantabria, así como as rexións norte e centro de Portugal, participa na creación da Cátedra Institucional en Patrimonio Cultural Dixital que foi presentada o 9 de marzo nun acto institucional que contou coa participación do reitor da USC, Antonio López, e do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. A Cátedra é froito da colaboración público-privada entre CRUSOE, Xunta de Galicia e NTT DATA.
Segundo explica a USC, a Cátedra nace “coa finalidade de fomentar a docencia, a investigación e difusión dos coñecementos no ámbito do Patrimonio Cultural Dixital”. Focalízase no acervo patrimonial e cultural da eurorrexión SOE, unha referencia de ámbito mundial con varias cidades e lugares recoñecidos como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. “A iso cabe sumar a riqueza de museos, arquivos e bibliotecas, cuxos fondos e activos cunha casuística propia en canto á transición dixital, atesouran un importante potencial de xeración de recursos vinculado aos novos modelos da economía dixital”, explicaron os promotores da iniciativa.
Así mesmo, a Cátedra servirá como instrumento para favorecer a colaboración entre persoal investigador, profesorado e profesionais de renome internacional, tanto cos das institucións pertencentes a CRUSOE, como con aqueles pertencentes ao sector público e privado vinculados aos diferentes ámbitos e áreas de impacto e interese no Patrimonio Cultural Dixital.