En marcha unha axencia galega centrada na mercadotecnia de influencia: Las-Dos
martes, 21 de marzo do 2023
Santiago
é o centro de operacións unha axencia de
mercadotecnia (marketing) de influencia en Galicia: a axencia
Las-Dos. A empresa, con sede no
centro histórico compostelán, centrarase en estratexias de
influencer marketing “traballando de maneira transversal a
comunicación tanto offline como en liña para xerar accións
de impacto”, sinalan as impulsoras da iniciativa, poñendo o foco
nun feito que, sinalan, está fóra de toda dúbida: a revolución
xerada no mercado pola mercado polo influencer marketing, que
“mudou para sempre a maneira en que as marcas se relacionan co seu
público”.
O
valor desta nova canle, explican, “reside na capacidade que teñen
determinados perfís de establecer un vencello emocional baseado na
confianza e a credibilidade, de poder chegar a audiencias con
intereses ben segmentados e da súa capacidade por brindar
experiencias omnicanle”. Tamén recordan que “malia ser unha
estratexia en auxe e experimentar en 2022 un medre do 22,8% en
materia de investimento, segue resultando incomprendida e o
ecosistema que se forxou ao seu ao redor é complexo”.
Botar
luz sobre todo isto foi determinante para a posta en marcha do
estudio Las-Dos, formada por Alba Mouriño e Rita Bello, dúas
emprendedoras galegas e profesionais do mundo da nova comunicación
con máis de 8 anos de experiencia no sector.
“O
noso obxectivo é, por unha banda, reforzar con este tipo de
estratexia as accións de relacións públicas ou campañas que
realizan marcas e/ou empresas; e, pola outra, crear equipo e dar
soporte a axencias especializadas noutras disciplinas que busquen
rendibilizar os seus procesos e recursos. Ocupámonos de todo o
proceso, desde a procura, concepción estratéxica e formulación
creativa, ata a negociación, seguimento e posterior análise dos
resultados”, sinalan.
Con
oficina en Santiago de Compostela, Las-Dos crearon unha metodoloxía
de traballo para “tentar estandarizar procesos” e “ter un
sólido argumentario con vistas a mostrar o valor real que supón o
investimento nesta canle”.
E
engaden: “Non somos unha axencia de representación. O noso punto
diferencial está na procura e selección cualitativa de perfís de
maneira minuciosa. Estar atentas ao que pasa ao noso ao redor, na
Rede, aos hábitos de consumo. Son moitas as variábeis que hai que
ter en conta para atopar os perfís idóneos e aínda que para a
parte cuantitativa axudámonos de ferramentas tecnolóxicas, hai que
ter certa sensibilidade para detectar os perfís axeitados á marca.
Para nós dar con perfís coherentes, creativos, responsábeis e
efectivos, é determinante para lograr un bo hunting.
Traballamos na detección de oportunidades e no desenvolvemento de
estratexias creativas a través da creación de contidos e sobre todo
dunha boa mensaxe, enfocados sempre aos obxectivos e KPI marcados
para medir a súa eficacia e repercusión. Aínda que o noso eixo
principal sexa o marketing de influencia e a creación
de contidos, vimos do ámbito das relacións públicas e eventos polo
que integramos na nosa carteira de servizos a relación con medios e
a organización de eventos para que as estratexias sexan realmente
diferenciais e consigan chegar a aquel público potencialmente
interesado e que a mensaxe cale e impacte”.