En marcha un proxecto para levar biotecnoloxía e Big Data a 3.700 empresas: o proxecto DATAlife
martes, 30 de xuño do 2020
A
nosa terra quere converterse nunha potencia en tecnoloxías bio:
o punto de encontro do Big Data e a Intelixencia Artificial
(IA) coa bioloxía, o mar, a industria, a alimentación, o forestal
ou a saúde, entre outros ámbitos. Froito deste obxectivo xurdiu a
iniciativa DATAlife, do que
se deron a coñecer detalles este martes 30 de xuño nunha
comunicación virtual, da man dos socios de Hub de Innovación
Dixital e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida
(Bioga). O proxecto abrirá dende outono a súa carteira de servizos
dixitais, a disposición de 3.700 empresas.
O
proxecto DATAlibe foi presentado aos axentes innovadores e aos
protagonistas dos devanditos sectores produtivos aos que vai
dirixido. A presidenta do DATAlife e tamén presidenta de Bioga,
Carme Pampín, abriu o acto de presentación agradecendo o respaldo
da Administración autonómica para pór en marcha o proxecto e
poñendo en valor o compromiso dos socios do Hub de Innovación
Dixital: “DATAlife apóiase no liderado sectorial, a través de
sectores clave en Galicia; no liderado tecnolóxico, conformado polos
centros de competencia galegos; e no liderado empresarial,
representado por empresas tractoras de Galicia”.
Pampín
explicou que agora DATAlife traballa no deseño da súa carteira de
servizos, que estará a disposición do tecido empresarial de Galicia
a partir de outono. Ofrecerá solucións a medida: “Apostamos por
un modelo colaborativo aberto e participativo onde as empresas serán
protagonistas”.
Cal
será a misión de DATAlife? Pois facilitar a incorporación da
Intelixencia Artificial e a analítica de datos nas pemes galegas dos
sectores ligados á bioeconomía e a saúde. Así o apuntou Lucía
Castro, xerente do Hub de Innovación Dixital, que na presentación
explicou que o proxecto, con sede no Edificio Emprendia en Santiago
de Compostela, diríxese a tres focos estratéxicos: biorrecursos,
sustentabilidade e saúde. Amais, conectará o sistema de innovación,
que ofrecerá servizos de IA, IoT (Internet das Cousas), análise de
datos a gran escala (Big Data),
ciberseguridade e computación de altas prestacións.
DATAlife
nace para axudar a crecer en competitividade a 3.700 empresas que
traballan en cadeas de valor que representan o 19,4% do Valor
Engadido Bruto (VAB) da comunidade autónoma de Galicia e que xeran
ao redor dos 70.000 empregos.
Bioga
abandera o proxecto. Son tamén socios fundadores ANFACO-CECOPESCA, o
Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA, Clúster Saúde de
Galicia (CSG), FINSA, o Centro Tecnolóxico de
Comunicacións-Gradiant, a Universidade de Santiago de Compostela
(USC), Televés, o Clúster TIC Galicia, Cluster da Acuicultura de
Galicia e Grupo Zendal. En 2020 incorporáronse o Centro Tecnolóxico
Energylab e a Fundación FEUGA. Os socios aproveitaron a cita deste
último día de xuño para celebrar a súa asemblea xeral.