En marcha unha web para amosar o agradecemento do noso pobo aos voluntarios do Prestige

luns, 9 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Cómpre non esquecer nunca o que aconteceu hai dez anos na nosa cosa: unha catástrofe (a do Prestige) cuxas consecuencias aínda se deixan notar e que aínda serían maiores senón fose pola solidariedade amosada por milleiros de voluntarios que se achegaron á nosa terra de tódolos recantos de España e dunha manchea de países para botar unha man na loita contra o chapapote. Agradecerlles o seu labor desinteresado e lembrarlles que non os esquecemos é o gran obxectivo da web Galicia en Color, posta en marcha pola Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte, contando para este traballo dixital coa experiencia dos amigos de Galinus. Basicamente, a web é unha rede de encontros, dez anos despois da catástrofe do Prestige.
Tanto a páxina como a iniciativa xeral na que se insire servirá para favorecer a xuntanza do meirande número posíbel de voluntarias e voluntarios, co fin de recoñecerlles o seu esforzo e a súa solidariedade. Para deixar unha constancia positiva disto, o obxectivo da entidade responsábel da iniciativa quere achegar un punto de vista diferente, “deixando atrás a visión en branco e negro do afundimento e amosando os avances positivos que experimentou o territorio galego na última década”.
A iniciativa presentarase esta semana mesma en Fisterra, acompañada dunha excursión en barco pola súa ría, a través da que se poderá amosar o fondo mariño e máis as cores do litoral galego máis afectado polo vertido de fuel. A ruta chegará até o Faro. A cita será ás 18.00 horas no Porto de Fisterra, o mércores 11 de abril. Reservaranse 20 prazas.

PUBLICIDADE