Enerdixital presentará en Santiago as oportunidades da IA no sector enerxético galego
venres, 4 de outubro do 2024
A profunda transformación que a Intelixencia Artificial pode aplicar (e aplica xa) aos sectores enerxético e industrial de Galicia será un dos eixos principais do Congreso Enerdixital, foro de debate organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL) que terá lugar do 9 ao 10 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago.
“As nosas empresas teñen que entender que a Intelixencia Artificial é unha oportunidade, non un perigo”, asegura Oriol Sarmiento Díez, xerente de CLUERGAL, engadindo que “durante eses días contaremos cos mellores expertos que nos explicarán como evoluciona esta tecnoloxía e como a súa aplicación nos sectores industrial e enerxético ofrece oportunidades sen precedentes para optimizar procesos, reducir custes e mellorar a eficiencia operativa das empresas galegas”.
Seguindo o fío das posibilidades que abren as tecnoloxías, Sarmiento explica que “no sector industrial, a IA está revolucionando a forma en que se deseñan, fabrican e xestionan os produtos; desde a automatización avanzada ata o mantemento predictivo, as tecnoloxías baseadas en IA están permitindo meirandes precisión, flexibilidade e personalización nas cadeas de produción”.
Isto é aplicable ao sector enerxético, afirma, explicando que neste eido “as solucións de Intelixencia Artificial están a optimizar a xeración, distribución e consumo de enerxía, facilitando a transición cara fontes renovables e mellorando a xestión da rede eléctrica”.
De todo o devandito tratarase en Enerdixital da man dos maiores expertos na materia, adianta o xerente de CLUERGAL.
Aplicacións e casos prácticos e reais
Durante o congreso presentaranse tanto aplicacións da IA no sector enerxético como casos prácticos sobre a súa utilización para, por exemplo, comunidades enerxéticas ou protección da avifauna nos parques eólicos. Botarase luz, tamén, sobre a creación de novos materiais, a redución de custes, a mellora da eficiencia operativa e a optimización do uso da enerxía, melloras que son posibles grazas á aplicación da IA, unha tecnoloxía que “pode analizar datos en tempo real de baterías, centrais hidroeléctricas de bombeo ou tanques de almacenamento eléctrico”, explica Sarmiento, engadindo que estamos ante “un sector, o da demanda de centros de datos, que crece de forma exponencial da man da IA e onde se estima que a demanda de grupos electróxenos ou sistemas de subministro de enerxía ininterrumpida vinculada aos data centers experimentará un crecemento anual superior ao 10% ata o 2030, cunha cifra de negocio mundial por riba dos 400 billóns de euros”.
Transición enerxética e dixitalización
A transición enerxética e a dixitalización dos sectores enerxético e industrial serán os outros dous eixos de debate no congreso Enerdixital. Así, a Cidade da Cultura de Santiago acollerá a presentación dos principais avances ata a data no cambio de modelo enerxético, mobilidade eléctrica ou alumeado público. Ademais, debaterase sobre outras tecnoloxías como a ciberseguridade ou a Realidade Virtual, innovacións na xestión de sistemas enerxéticos híbridos, dixitalización de redes eléctricas e se presentarán casos prácticos de éxito de dixitalización en empresas como Navantia ou Reganosa.
Enerdixital converterá a Compostela no punto de encontro dos mellores profesionais e das empresas máis innovadoras de España, que aproveitarán este foro para presentar ante máis de 300 especialistas os últimos avances destes sectores claves para o presente e o futuro de Galicia (enerxía, industria e dixitalización) e que se atopan nun estado de innovación permanente. A maiores contará con espazos para realizar contactos entre profesionais, empresas, administracións e público en xeral.