Entregados en Vigo os terceiros premios Girl Geek COVID
xoves, 9 de febreiro do 2023
A
terceira edición dos Premios GirlGeekCOVID, a iniciativa enmarcada
na Cátedra de Feminismos 4.0 que promoven a Deputación de
Pontevedra e a Universidade de Vigo, entregou este
xoves 9 de febreiro, na sede da institución en Vigo e coa presenza
da presidenta provincial, Carmela Silva, e do reitor, Manuel Reigosa,
os galardóns que recoñecen os mellores expedientes femininos
nas carreiras de ciencias, enxeñaría e tecnoloxías. Quíxose deste
xeito reivindicar as importantes contribucións das mozas a estes
estudos, onde segue a haber sobre presenza masculina.
As
galardoadas co primeiro premio en ciencias e enxeñaría foron Esther
Lago Sampedro e Henar Mariño Bodelón, respectivamente, e no caso
dos accésit Iliana Durán Alonso obtivo o correspondente a ciencias
e Laura Núñez Álvarez o de enxeñaría.
A
apertura do acto correu a cargo da presidenta da Deputación, Carmela
Silva, que se referiu ás premiadas como “un orgullo” e “unha
alegría” e para as que augurou “un futuro cheo de éxitos, xa
que comezan cun recoñecemento á súa excelencia académica, nin
máis nin menos”.
O
reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, na súa intervención,
fixo referencia aos “esforzos que estades facendo neste camiño no
que estamos todas xuntas e xuntos para mudar o mundo e a sociedade”.`
As premiadas
“Estes
premios son importantes porque permiten que as nenas poidan animarse
a escoller estas ramas do coñecemento no futuro”, recalcou tras
recoller o premio Esther Lago Sampedro, estudante do Grao en
Química da Universidade de Vigo e gañadora na categoría de
Ciencias.
No
caso da gañadora na categoría de enxeñaría e estudante do
mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación, Henar Mariño
Bodelón, aludiu á “importancia desta iniciativa par
reivindicar e visibilizar o traballo das mulleres no ámbito STEAM”
e manifestou o seu desexo de que “haxa máis mulleres no futuro
estudando e traballando no mundo da tecnoloxía”.
Pola
súa banda, Iliana Durán Alonso, accésit na rama de ciencias
e alumna do Grao en Bioloxía, apelou á necesidade de “destruír
barreiras e seguir traballando para visibilizar ás mulleres
referentes no ámbito científico, para construír un mundo máis
xusto e equitativo, mellor para as persoas”.
Por
último, Laura Núñez Álvarez, alumna do Mestrado
Universitario en Enxeñaría Industrial e accésit na rama de
enxeñaría, resaltou que “é importante que a sociedade teña
claro que as mulleres podemos ter éxito e somos totalmente
necesarias en todos os ámbitos profesionais. Os estereotipos de
xénero non deberían ser un impedimento á hora de escoller unha
carreira profesional”.
Os
galardóns, que naceron para incentivar, apoiar e fomentar os estudos
STEM entre as mulleres e están impulsados pola Deputación e a
UVigo, mudarán de nome na súa próxima edición para deixar atrás
o termo “COVID” que fai referencia a unha etapa afortunadamente
superada. A presidenta Carmela Silva foi a encargada de dar a coñecer
a nova nomenclatura dos galardóns que o vindeiro curso pasarán a
denominarse Girl Geek Power.
