Entregados no CESGA os premios aos mellores TFM do Mestrado de Altas Prestacións da UDC e a USC
martes, 16 de xaneiro do 2024
O pasado 10 de xaneiro celebrouse na sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), no Campus Sur de Santiago, a entrega de premios aos mellores Traballos de Fin de Mestrado (TFM) do Mestrado Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións (Universidade da Coruña) na súa edición 2022/2023.
Foron concedidos ao alumno Daniel del Castillo de la Rosa polo seu traballo con título Implementación paralela do algoritmo HSI-MSER para ou rexistro de imaxes hiperespectrais dirixido por Álvaro Ordóñez Iglesias, Dora Blanco Heras e Francisco Argüello Pedreira; e ao alumno Xico Fernández Lozano polo seu traballo con título Análise Distribuída de Datos Sobre a Marcha para Simulacións Numéricas baseado en Ray dirixido por Emilio José Padrón González.
O Mestrado Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións é un master impartido conxuntamente pola UDC e a USC, coa colaboración de CESGA, cuxo obxectivo é “dar unha formación profunda e detallada acerca das diferentes tecnoloxías empregadas na área da Computación de Altas Prestacións a futuros profesionais e investigadores do eido”. Esta área, segundo lembran as ditas universidades, atópase en auxe nos últimos anos “grazas ao continuo aumento de investimento tanto público como privado para o desenvolvemento de sistemas cada vez máis potentes e con menor custo enerxético”.
A docencia deste mestrado segue un modelo híbrido, que permite aos alumnos seguir as clases de maneira presencial na aula ou ben de forma en liña mediante plataformas de vídeo-conferencia. A docencia recibida polos alumnos é de alta calidade, impartida polos 24 profesores da UDC ou a USC, todos asociados ben ao CITIC (A Coruña) ou ao CiTiUS (Santiago de Compostela) e con extensa bagaxe investigadora no ámbito da Computación de Altas Prestacións. Ademais, o master pódese cursar completamente en inglés, polo “que ten unha gran proxección internacional”, engaden dende as universidades de Santiago e A Coruña, lembrando que a calidade desta contribución formativo permitiulle recibir a finais de 2022 o Selo de Excelencia da Xunta de Galicia, o que implicou unha dotación económica que permitirá continuar co crecemento do título. Entre as diferentes accións convocáronse dous premios aos mellores Traballos Fin de Máster (TFM). Presentáronse ao devandito premio 6 dos 12 alumnos que concluíron o mestrado durante o curso 2022/23, e tiveron que presentar o seu traballo diante dun tribunal de marcado carácter internacional, que incluía non só a un membro do CESGA senón tamén a un profesor da Cergy Paris Université (Francia) e a un investigador do Jülich Supercomputing Center (Alemaña).
O Mestrado en Computación de Altas Prestacións pon o foco no que se coñece como High Performance Computing (HPC), que é a Computación de Altas Prestacións. A HPC está relacionada con temas tan de moda como os procesadores multinúcleo (antigamente específicos de grandes equipos informáticos, pero hoxe en día presentes en PC, tabletas ou teléfonos móbiles), a computación na nube (cloud computing) ou a análise da información a gran escala, o chamado Big Data. Neste mestrado colaboran empresas multinacionais tan importantes como IBM, HP, Atos, Fujitsu, AMD, Amazon Web Services ou Gompute, así como o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Ademais, existe un convenio de título duplo coa École d’’Ingénierus - Mathématiques - Informatique polo que un alumno pode obter de forma simultánea o Grado en Enxeñería Informática pola EISTI e o Mestrado en Computación de Altas Prestacións pola UDC.