Enxeñaría Aeronáutica (Campus de Ourense) convoca o concurso de fotografía AeroVision 2023
xoves, 9 de marzo do 2023
Co gallo do Día Internacional dos Voos Espaciais
Tripulados e o Día da Cosmonáutica (12 de abril), na que se
conmemora o comezo da era espacial, a Escola de Enxeñaría
Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense convoca o concurso de
fotografía AeroVision
2023, no que se premiarán as mellores imaxes do ámbito
aeronáutico e aeroespacial.
A iniciativa ten como
obxectivo “recoñecer e difundir o papel da ciencia e a tecnoloxía
espacial no desenvolvemento da sociedade”. As imaxes a
presentar teñen que ser orixinais e deberán amosar situacións,
paisaxes ou circunstancias relacionadas co ámbito aeronáutico e/ou
aeroespacial. As obras gañadoras serán elixidas por un xurado
formado por representantes do sector aeronáutico e/ou aeroespacial e
da fotografía e unha persoa do equipo directivo da Escola de
Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense. As fotografías
gañadoras exporanse temporalmente en instalacións do Campus de
Ourense xunto coas do resto de participantes.
A entrega de premios e o acto de inauguración da
exposición temporal das fotografías terá lugar o Día
Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e o Día da Cosmonáutica,
o 12 de abril de 2023.
Os premios do concurso son tres. O primeiro premio
estará dotado cun dron, o segundo cun telescopio e o terceiro cuns
prismáticos. As fotografías presentadas ao concurso pasarán a ser
propiedade exclusiva da escola organizadora, non podendo ser
utilizadas polo autor ou autora noutros concursos ou publicacións e
podendo a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo facer o uso
que considere oportuno das mesmas, facendo referencia á súa
autoría. A data límite de recepción de fotos, cuxo envío se
realizará vía electrónica coas características indicadas pola
organización nas bases do certame, é o 26 de marzo.