Enxendra lanza bolsas para incorporar novos profesionais ao abeiro de Docuten
luns, 9 de xullo do 2018

- Captura da plataforma tecnolóxica Docuten
A empresa galega Enxendra
Technologies, con sede principal na Coruña e centrada na
dixitalización dos procesos administrativos e comerciais das
empresas, vén de formalizar un acordo coa IFFE Business School para
axudar á empregabilidade dos novos profesionais. Froito desta
colaboración xorden as bolsas Enxendra-Docuten de inserción
laboral, orientadas ao alumnado do Máster de Recursos Humanos e
Xestión de Persoas do IFFE Business School. Serán implantadas no
curso académico 2018/2019.
Segundo informa a empresa
galega, esta iniciativa permitirá ás persoas seleccionadas
(elixidas por un tribunal de profesionais de ambas as entidades),
incorporarse a Enxendra Technologies para servir de apoio técnico
aos clientes de Docuten, a súa
plataforma de sinatura dixital e factura electrónica.
As becas están
concibidas para beneficiar un total de tres alumnas ou alumnos do
dito máster. Ademais, as bolsas outorgadas serán remuneradas e
terán unha duración mínima de 3 meses, a convir co alumno. As
persoas beneficiarias serán integradas como persoal da compañía e
por iso, será factible a súa posible continuidade como
profesionais, ben para a propia empresa ou ben para os seus clientes.
Segundo engade Enxendra,
os beneficiarios das bolsas desenvolverán un labor técnico. O seu
labor principal será o de aplicar os coñecementos adquiridos en
materia de recursos humanos, ben aprendidos durante o máster e/ou
ben “os propios de acompañar ao cliente na implantación e
usabilidade das ferramentas tecnolóxicas”. Para a optimización do
seu desenvolvemento, os becarios recibirán un exhaustivo proceso de
formación interna.
A función técnica
desenvolverase logo da venda da plataforma Docuten e en paralelo á
implantación tecnolóxica. “O bolseiro”, sinala a empresa
galega, “será así un soporte técnico especializado en recursos
humanos que resultará de gran axuda para o cliente en canto á
implantación de Docuten nos seus procesos administrativos”.
Tanto Enxendra como o
IFFE Business School móstranse orgullosos pola súa aposta polo
talento de futuros especialistas na sestión de persoas e mostraron o
seu convencemento nos beneficios destas tres bolsas como “unha
aposta laboral firme e segura para todos aqueles interesados neste
sector”.
