Epic Games despide máis dun milleiro de traballadores

martes, 24 de marzo do 2026 Redacción

Epic Games confirmou un novo axuste de persoal que suporá o despedimento de máis de 1.000 empregados, nun momento no que recoñecen que está a caer a actividade en Fortnite á vez que se producen cambios estruturais na industria do videoxogo. Tamén anunciou o peche de tres dos modos máis recentes do seu título estrela: Rocket Racing, Ballistic e Festival Battle Stage.
Segundo explicou o conselleiro delegado da empresa, Tim Sweeney, nunha mensaxe interna enviada ao cadro de persoal, a decisión responde principalmente ao descenso da participación en Fortnite iniciado en 2025. «Estamos a gastar significativamente máis do que ingresamos», sinalou, indicando que os recortes, xunto con aforros adicionais superiores aos 500 millóns de dólares en contratación, márketing e vacantes sen cubrir, buscan estabilizar a situación financeira.
A compañía atribúe tamén as dificultades a factores globais, como o menor crecemento do sector, a caída do gasto dos consumidores e unhas vendas de consolas por debaixo da xeración anterior. A isto súmanse desafíos específicos de Epic, como a dificultade para manter unha experiencia consistente en cada tempada de Fortnite ou a adaptación do xogo ao mercado móbil.
Epic confirmou que Rocket Racing permanecerá activo ata outubro de 2026, mentres que Ballistic e Festival Battle Stage deixarán de estar dispoñibles o 16 de abril, coincidindo coa actualización 40.20 do xogo. A empresa recoñeceu que «nalgúns casos non fomos quen de crear experiencias capaces de atraer e reter unha base de xogadores suficiente».
A retirada destes modos insírese nunha reorientación cara a contidos máis consolidados e ao reforzo das ferramentas de desenvolvemento, especialmente dentro do ecosistema UEFN (Unreal Editor for Fortnite), que seguirá ofrecendo soporte para a creación de experiencias personalizadas.
Sweeney subliñou que os despedimentos non están relacionados coa adopción de intelixencia artificial. «Queremos contar co maior número posible de desenvolvedores excelentes creando contido e tecnoloxía», afirmou. Os empregados afectados recibirán indemnizacións que inclúen polo menos catro meses de salario, extensión da cobertura sanitaria e melloras nas condicións das accións.