Epic Games regala The Vanishing of Ethan Carter por tempo limitado

xoves, 7 de abril do 2022 Marcus Fernández

A tenda de videogoxos de Epic Games continúa a ofrecer xogos de balde para captar usuarios, sendo moi notable o feito de que até o vindeiro día 14 permita aos usuarios adquirir gratuitamente o reputado xogo The Vanishing of Ethan Carter, título de misterio en primeira persoa centrado na exploración e o descubrimento no que encarnamos ao detective experto en ocultismo Paul Prospero, quen investiga a desaparición de Ethan Carter e o destino da súa familia.
Adicionalmente a tenda ofrece tamén Rogue Legacy, un xogo tipo rogue que destaca polo feito de que cada vez que se morre continuará a aventura un descendente do heroe, que terá características diferentes (un pode ser daltónico, outro, un anano con vertixe... demostrando que non hai que ser perfecto para trunfar).
Se ben The Vanishing of Ethan Carter é un grande xogo, será bastante máis interesante o título que ofrecerán na tenda de Epic Games a partir do día 14, XCOM 2, un xogo de estratexia lanzado en 2016 e que é todo un referente no seu xénero.

PUBLICIDADE