Esta semana Vigo convértese na capital da innovación universitaria

martes, 11 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Esta semana, a partir do mércores 12 de xullo, celébrase no Auditorio de Vigo unha importante xornada de traballo destinada a debater e intercambiar recursos sobre os mellores xeitos de afianzar os campus na Sociedade do Coñecemento e as súas diferentes ferramentas e oportunidades. O foro Tendencias actuais das transformacións das universidades nunha nova sociedade dixital vén da man das nosas tres universidades e mailo Foro Internacional de Innovación Universitaria, unha fronte común integrada por institucións académicas superiores dunha manchea de países destinada a fornecer de apoio aos proxectos tecnolóxico-docentes dos seus membros. O encontro de Vigo, a sétima edición do foro, conta co patrocinio da Xunta, do operador galego R, da Deputación de Pontevedra e máis do Concello.
No acto de apertura, previsto para mañá ás 9:30 horas, participarán a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación da Universidade da Coruña, Nancy Vázquez Veiga, a secretaria Xeral da Universidade de Vigo, Gloria M. Pena Uris, a vicerreitora de Internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela, Almudena Hospido Quintana, e o presidente do Foro Internacional de Innovación Universitaria, Aurelio Villa Sánchez.
A continuación, o reitor do Tecnolóxico de Monterrey, David Garza Salazar, impartirá a conferencia inaugural Reinventando a universidade: administración do cambio e cultura da innovación, para despois dar paso aos distintos relatorios, comunicacións e grupos de discusión dun encontro académico e investigador que pretende reunir profesionais do ámbito universitario (preto de trinta universidades de distintos países) para reflexionar sobre os cambios e transformacións que as tecnoloxías están a impoñer nos campus así como avanzar nas novas tendencias e o seu impacto no campo do coñecemento.
O programa propón catro eixes de análise que contarán coas intervencións de prestixiosos investigadores internacionais: a xestión para a innovación; o deseño curricular e pedagóxico; a innovación e a responsabilidade social e as tecnoloxías aplicadas á educación.

PUBLICIDADE