Estaleiro Editora pon en descarga libre o seu catálogo

xoves, 3 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Presentación na Facultade de Historia de Santiago da nova obra de Carlos Taibo, incluída no catálogo de Estaleiro

Non están os tempos para subir os prezos en material literario. Se cadra o contrario, e máis tendo en conta que unha boa parte dos lectores estariamos dispostos a mercar máis de ceibar ao libro de todas esas cousas que o encarecen, incluídas as tapas duras ao uso, os coidados na presentación e demais enleadas. Nesta liña de achegarse ao lector que non pode ou non quere pagar preto de 20 euros por unha novidade é onde se empraza Estaleiro Editora, un selo que aposta por un catálogo de compromiso social, por prezos accesíbeis e, tamén, polo uso da Internet como canle libre de coñecemento. De feito, e para quen queira dar conta da súa actividade, xa están na Rede en libre descarga un bo número de obras de Estaleiro.
A editorial, proxecto encamiñado a abrir novos vieiros (temáticos e de forma) dentro do panorama literario galego, participa nesa sexta feira (venres) na segunda edición das Jornadas Galego-Portuguesas de Ediçom Independente, uns encontros a celebrar na cidade de Porto onde o selo galego falará entre outras cousas dos principios que alentan a editorial e un catálogo que xa abrangue 12 títulos: Plan de fuga, Fume/Insomnio, Manifesto contra o traballo, A revolução pendente, Suburbia, Máquina de guerra, Da revolta italiana á potencia da multitude, Outro xeito de ser, Movidas/Razóns de peso, Tres cores, Descrescimento, crise e capitalismo e Canibalismo.
Em breve”, sinalan, “vam-se sumar Um dia da minha vida de Bobby Sands, Entre a posmodernidade e a utopía. Unha introdución ao pensamento de Fredric Jameson e Deconstrucións. Unha volta a Jacques Derrida”.
Como dixemos, Estaleiro aposta pola distribución alternativa, indo a contrapelo dos apoios públicos e apostando por unha edición a prezos reducidos, “cujo mínimo lucro esteja destinado à produçom de novos materiais e à promoçom e distribuiçom dos já publicados, renunciando autores e editores a qualquer tipo de retribuiçom económica polo seu trabalho”.
O tipo de licenza polo que apostan é Creative Commons, o que entre outras cousas quere dicir que podemos facer uso do material sempre e cando recoñezamos a autoría correspondente e non teñamos arela de lucro. Como dixemos, todo o catálogo do selo pódese descargar de balde dende a web da editorial, ou ben adquirir os libros en papel a prezos populares nas propias librarías.

PUBLICIDADE