Este sábado celébrase en Santiago unha nova edición do XantarDev

xoves, 6 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Este sábado 8 de xuño temos en Santiago unha nova edición (a terceira) do encontro tecnolóxico XantarDev, unha cita para facer comunidade, fronte común e irmandade arredor das ferramentas e servizos dixitais máis avanzados e colaborativos. A cita, novamente impulsada polo grupo local XantarDev Team, celébrase unha vez máis no CSC do Castiñeiriño. Está previsto que a xornada comece ás 9 da mañá e se clausure ás 18:30 da tarde. Como novidade para esta edición, e de forma voluntaria, cada asistente poderá entregar produtos perecedoiros que serán doados ao Banco de Alimentos.
Desta volta, o evento está formado por media ducia de charlas de diferentes temáticas. Pola mañá, Estefanía Otero mostrará como montar unha arquitectura de información a gran escala (Big Data) usando Google Cloud. Amais, Bernal Varela fará unha introdución ao framework gRPC e, trala pausa para o café, Jose Sendín axudaranos a comprender as licenzas de software nunha linguaxe máis humana. Logo será a quenda de Cristina Barreiro e Esther Álvarez, que falarán de TDD e de boas prácticas no mundo do testing. Pola tarde, Daniel Rey falará de Alexa e Arduino e de como poden entenderse. Rematará a xeira de intervencións Fernando Blanco cunha charla sobre Big Data e BI.
Este ano o evento conta co apoio e patrocinio, ademais do Concello de Santiago de Compostela, de Tokiota, Plexus e Kabel con, cuxas contribucións, cóbrense os gastos tanto do café como da comida, así como “dalgunhas sorpresas que se desvelarán o día do evento”, anuncia a organización.

PUBLICIDADE