Estiquecantas.gal espallará nas redes o legado de Rosalía de Castro

venres, 18 de febreiro do 2022 S. P.

O Día de Rosalía xa se ve cada vez máis preto (celébrase este 23 de febreiro) e a nosa Rede é un fervedoiro de actividades destinadas a levar ao seu importante legado ás novas xeracións a través das linguaxes, formatos e códigos cos que están máis familiarizadas. Neste grupo de actividades figura en posto destacado a iniciativa Estiquecantas.gal, un proxecto tecnolóxico-cultural que xira arredor da inmortal poeta de Padrón “coa mira posta na xeración Z”.
Na web o público atopará “diferentes formas de achegarse á obra de Rosalía de Castro”, ben a través de audiolibros e pílulas audiovisuais, ou mesmo mediante unha unidade didáctica e un concurso. Todas as propostas teñen en común que “a voz de cada persoa atope na de Rosalía un camiño de descubrimento”, indica o equipo responsábel da posta en marcha deste proxecto, o equipo de Rebordelos, entre os que se inclúe o presidente da Fundación Rosalía de Castro, o escritor Anxo Angueira.
O proxecto presentouse no Instituto da Lingua Galega con Tamara Canosa, directora de Es ti que cantas; Rocío González, lectora dos audiolibros; Xosé Barato, director artístico dos audiolibros; e o devandito Anxo Angueira. En palabras de Canosa, “con isto buscamos botarlle unha ollada á Rosalía menos reivindicada: alegre, rebelde, adiantada á súa época, feminista cando aínda non había feminismo e ecoloxista cando aínda non había ecoloxismo. Por iso decidimos artellar a iniciativa en varias patas”.
A primeira delas, as Fiestras, está formada por unha serie de pílulas audiovisuais a cargo do cineasta Xacio Baño que afondan na relación da obra de Rosalía de Castro coa súa vida. A segunda vía é unha unidade didáctica para que os institutos que o desexen poidan traballala, levada a cabo por María López Sández. A terceira vía continúa estar a ligada á mocidade e á xeración Z co concurso #estiquecantas, enfocado a rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos, que se desenvolverá nas redes sociais Instagram e Tik Tok para que interpreten a obra en galego de Rosalía de Castro segundo o seu ollar. As persoas participantes crearán un vídeo breve (menos de 60 segundos e coa súa propia linguaxe: memes en movemento, gifs, stickers...) no que mostrarán o que lles inspira a obra da escritora, con vistas a compartilo a partir do 23 de febreiro e ata o próximo 15 de marzo. O xurado -formado por Lucía Aldao, e as tiktokers Prado Rúa e Malva- dará a coñecer os nomes dos gañadores e gañadoras o próximo 21 de marzo, Día Internacional dos Bosques e da Poesía dende as contas de @estiquecantas de Tiktok e Instagram.
A cuarta parte do proxecto son os audiolibros da obra en galego de Rosalía de Castro concibidos como “unha ferramenta para multiplicar a súa voz dende a accesibilidade e a implicación directa coas lectoras e lectores, coas e cos ouvintes”. Tal e como explicou Rocío González, “tanto o director artístico dos audiolibros, Xosé Barato, coma min, quixemos ser unha canle, darlle protagonismo ao que xa está escrito deixándonos levar pola musicalidade, a métrica, o ritmo... da obra de Rosalía”. Deste xeito, todos e todas as ouvintes poderán escoitar a obra completa de Rosalía de Castro en galego: Cantares gallegos, Contos da miña terra e Follas novas, sumando máis de 150 audios en total, ademais de ter a posibilidade de consultar as obras anteriormente citadas en PDF.
Es ti que cantas é un proxecto de Rebordelos que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Fundación Rosalía de Castro.

PUBLICIDADE