Exoprimal convídanos a loitar contra dinosauros empregando exoarmaduras

venres, 14 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Capcom lanza hoxe Exoprimal, un videoxogo de acción en equipo en liña ambientado no ano 2040 no que hai que empregar exoarmaduras como tecnoloxía defensiva ante unha invasión de dinosauros que sumiu o planeta nunha crise que pon en perigo a supervivencia da humanidade.
O modo principal deste xogo é a marea xurásica, no que 2 equipos de 5 xogadores compiten nunha variedade de misións nas que xogan contra o contorno ou contra outros xogadores. Os xogadores aparecen na escena da última invasión de dinosauros e deberán seguir as indicación da IA chamada Leviathan para cumprir os obxectivos fixados e o equipo que antes complete a misión farase coa vitoria.
O xogo conta con versións para PC, PS4, PS5, Xbox One e Xbox Series X|S, aínda que cómpre salientar que tamén está dispoñible a través de Xbox Game Pass, o que fará que este título conte cunha base de xogadores moi importante dende o día do seu lanzamento.

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE