Facebook e Amazon apostan polos deportes en vivo

martes, 3 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Semella que os xigantes da Internet son cada vez máis conscientes da forza que teñen os deportes en directo para captar audiencias, e nos últimos días xurdiron novas bastante relevantes neste ámbito. Por unha banda temos que Facebook pechou un acordo con Golden Boy Promotions (empresa fundada por Óscar de la Hoya) para emitir combates de boxeo en directo, que nos EE.UU poderán seguirse a través de Facebook Watch mentres que a nivel mundial estarán dispoñibles a través da páxina de Facebook de Golden Boy Promotions.
Baixo este acordo están incluídas polo momento 5 veladas de boxeo, comezando pola do 11 de agosto, na que teremos a Jesús Rojas defendendo o seu título mundial dos pesos pluma contra Joseph JoJo Díaz Jr.; sendo a segunda velada o 18 de agosto, incluíndo un combate de Sullivan Barrera contra un contrincante por confirmar.
A partires do 13 de xullo a páxina de Facebook de Golden Boy irá incorporando contido, incluíndo combates pasados e outro material que irá enriquecendo o espazo, sendo o máis rechamante desta iniciativa que se atrevesen a lanzala a unha escala global.

Amazon podería apostar polo fútbol

Nun ámbito máis próximo, temos que o fútbol podería comezar a empregarse como reclamo para as plataformas de streaming, que no caso dos axentes globais podería ser posible que non achegase unha experiencia lamentable como a de Total Channel (plataforma española que padeceu saturacións cando emitiu partidos da Champions ou fracasou á hora de emitir o combate de boxeo entre Mayweather e Pacquiao hai varios anos). Curiosamente a compañía que está a poxar agora polos dereitos futbolísticos é Amazon, que en Reino Unido fíxose cos dereitos de 20 partidos por tempada da Premier League (a partires da tempada 2019/20), que estarán dispoñibles sen cargo adicional para os subscritores de Amazon Prime, mentres que en España coméntase que podería acceder aos catro lotes minoritarios de dereitos que LaLiga ten aínda por adxudicar.
Estes paquetes que aínda non adxudicou LaLiga incluirían o último partido de Primeira División (ou sexa, o que non queira emitir Movistar), dous partidos de cada xornada de Segunda División en exclusiva, os once partidos de Segunda División de pago en exclusiva e os resumos de 90 segundos de cada partido para a súa difusión a través da Internet. Polo momento non hai ofertas para estes paquetes, pero a estratexia seguida por Amazon no Reino Unido dá a entender que podería querer facer algo semellante en España.

PUBLICIDADE