Facebook emprega a intelixencia artificial para describir fotografías aos cegos

martes, 5 de abril do 2016 Marcus Fernández

Cada día compártense en Facebook, Instagram, Messenger e WhatsApp máis de 2.000 millóns de fotografías, deixando claro que os contidos visuais son os que resultan máis atractivos para as persoas, o que deixan fóra da conversa a máis de 39 millóns de cegos e máis de 246 millóns de persoas con problemas visuais severos, o que dende Facebook queren arranxar facendo uso da intelixencia artificial, polo que están a preparar un sistema que engada ás imaxes texto alternativo que as describa que se xere de xeito automático.
As ferramentas de accesibilidade normalmente permiten que os creadores dos contidos poidan engadir manualmente o texto alternativo das imaxes, pero dado que os usuarios individuais rara vez fan uso de tal tipo de ferramentas, resulta de grande axuda que esta información poida xerarse de xeito automático, o que Facebook está a comezar a incorporar á súa aplicación para iOS, de xeito que os usuarios de lectores de pantalla no móbil poderán escoitar unha listaxe dos elementos que figuran nas imaxes (por exemplo, podería dicir “a imaxe pode incluír a tres persoas, sorrindo, ao aire libre”) mentres as pasan na aplicación, cando até o momento os lectores de pantalla só daban o nome da persoa que a publicou e describían o elemento visual como “foto” sen dar máis detalles.
Polo momento esta funcionalidade está limitada as lectores de pantalla para iOS en inglés, pero en breve confían en poder levar esta importante mellora para as persoas con eivas visuais a outras linguas e outras plataformas.

Exemplo de funcionamento dun lector de pantalla para iOS que aproveita a nova tecnoloxía de Facebook

PUBLICIDADE