Facebook proba unha plataforma de programas de televisión en liña

xoves, 10 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Facebook está a reforzar a súa aposta polo vídeo, que cada vez ten máis peso nesta plataforma social, de aí que agora conten cun novo xeito de presentar contidos, Watch, que bota a andar en probas nos EE.UU. limitándose a un número moi reducido de partners para ir pulindo o que pretende ser un xeito de descubrir e consumir o que pretende que sexan os programas de televisión do futuro, xa que os contidos que recollerá este espazo estará composto por episodios que compartan temática ou fío argumental.
Facebook xa contaba nos EE.UU. cunha ficha na que se recollían vídeos, buscando así traer ao seu rego o tipo de consumo habitual de YouTube, e agora, con Watch, parecen querer facer o mesmo coa televisión tradicional, de aí que este novo servizo vaia estar dispoñible en móbiles, ordenadores e incluso aplicacións para Smart TV.
Os programas de Watch poden ser en directo ou gravados, sempre que estean serializados, e os usuarios poden engadir os seus programas favoritos a unha listaxe para non perder nunca os últimos episodios.
Para facilitar o descubrimento de contidos en Watch poderemos ver os programas dos que máis se fala, os que resultan máis divertidos, os que ven os nosos amigos... e seguindo as tendencias do vídeo en plataformas sociais, en Watch poderemos ver comentarios durante a reprodución dos programas, conectar cos amigos e incluso participar nos grupos de cada programa.
Este novo xeito de difundir vídeos busca conseguir un maior compromiso dos seareiros, crear comunidade, axudar a que os programas en directo conecten coa audiencia en vivo e, en definitivo, socializar o que son os programas de televisión vistos a través da Rede. Queda por ver como será o seu crecemento, para ver se chega ao resto do mundo, sendo esta unha plataforma moi interesante para os creadores de contido xa que, entre outras cousas, serán capaces de introducir pausas publicitarias nos seus espazos, polo que de crearen series cun grande público poderían non só tirar proveito de patrocinios senón tamén de formatos publicitarios moi asentados na televisión tradicional, que teñen moitas boletos para facer sustentable o audiovisual en liña.

PUBLICIDADE