Facebook quere renovar as súas Notas

martes, 18 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Para compartir texto en Facebook non só podemos limitarnos a actualizacións de estado, senón que a plataforma social fundada por Mark Zuckerberg conta dende hai moito tempo cunha funcionalidade de Notas, pensada para publicar artigos de certa lonxitude, pero que leva anos abandonada (a súa última actualización data de 2010), de xeito que os usuarios tamén lle deron as costas, converténdose nunha característica residual, pero a cousa parece que vai mudar, e dende Facebook recoñecen estar a traballar nunha actualización das Notas para facer máis doado que a xente cree historias longas en Facebook, e poida darlle unha aparencia máis atractiva.
Unha das probas do novo deseño podemos vela grazas ao usuario John Biesenecker, quen publicou varias notas co novo formato, deixando que vexamos un deseño máis limpo, cunha imaxe de cabeceira de grande tamaño, con texto enriquecido e, en definitiva, coa aparencia dunha entrada nun blog, no que dá a impresión de que estamos ante unha estratexia por parte de Facebook para competir con plataformas como Medium, que está coller moita forza para a difusión de artigos de grande interese e deseño coidado, sen depender dun blog ou unha páxina web, o que resulta moi atractivo para os que só queren publicar contidos de xeito esporádico.