Fernando Blanco dá conta das súas propostas anticrise na web do BNG

mércores, 14 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

A páxina web do BNG está a ofrecerlle arestora á comunidade internauta galega unha entrevista ao conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, en boa medida motivada polos comicios electorais que xa se albiscan ao lonxe e en boa medida por atoparse a nosa terra (ao igual có resto do mundo) no que ben se podería denominar o que fica no medio do antes e o despois dunha crise económica a gran escala. Fernando Blanco, que foi ratificado estes días polo Consello Nacional como cabeza de listaxe do seu partido pola provincia de Lugo para as eleccións do 1 de marzo, avalía para a devandita páxina web o desenvolvido polo partido en materia de pulo á creación de empresas, fomento do espírito de innovación ou posta en marcha de medidas para superar a recesión dende a nosa terra, entre outros temas xenéricos. Asemade, e nun terreo máis específico, métese a fondo en cuestións como a polémica resolución do concurso eólico, a situación actual do sector da automoción ou os vínculos do seu departamento e do seu partido (BNG) co empresariado galego.
Entre o máis salientable da entrevista, atópase a listaxe de propostas para deixar atrás o baixón económico internacional que tamén está a afectar a Galiza. Para Blanco, hai unha serie de circunstancias que, dado o especial dano que está a provocar a crise en sectores como a construción, a lousa ou a automoción, non se poden seguir permitindo. Por exemplo: a falta de axudas ás empresas e ás familias dende o sistema financeiro, co fin de que aquelas poidan adquirir bens básicos de consumo e levar a cabo proxectos de medre e afianzamento. Na súa opinión, e tendo en conta que se están a facer inxeccións de cartos dende as administracións, resulta intolerable que os bancos e caixas non fagan unha aposta pola superación da crise. Do contrario, sinala, “haberá que cambiar o sistema”.