Fernando Suárez, Isidro Fernández e Mar Pereira clausuran este xoves Cybersec@Gal

mércores, 16 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 281.4 KB
Fernando Suárez, presidente do CPEIG

Esta semana estase a desenvolver na Coruña, Santiago e Vigo o encontro Cybersec@Gal o primeiro foro galego sobre seguridade na empresa dixital, impulsado pola Cátedra R en Ciberseguridade e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG. A finalidade dos encontros é afianzar o papel referente de Galicia en materia de tecnoloxías e servizos para garantir a protección dixital. O evento, logo de varias actividades formativas nas escolas de Informática e Telecomunicacións da UDC e a da UVigo, clausurarase este xoves 17 na Cidade da Cultura (Auditorio Neira Vilas) cunha sesión que durará toda a mañá: de 9.30 a 14.00 horas.
Na sesión porase o foco nas empresas e, para isto, contarase coa presenza de expertos estatais e internacionais afondando nas claves da ciberseguridade dende “múltiples perspectivas”, informa a operadora R, engadindo que na cuarta e derradeira xornada dos encontros está previsto que participen o director de Empresas de R e do Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle, Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Catro xornadas de debate e formación
Cybersec@Gal achegou estes días catro xornadas de obradoiros, ciber-desafíos e charlas, nas que se falou de solucións, normativas, desafíos e ameazas para a seguridade na contorna dixital. O foro foi dirixido, por unha banda, a estudantes e recentemente licenciados e, pola outra, ao ecosistema empresarial (este xoves), da man de expertos estatais e internacionais que exporán diversos aspectos no terreo da seguridade TIC.
Na xornada de clausura deste xoves entregaranse un total de seis premios valorados en 2.600 euros en total: un premio á Tese de Doutoramento en Ciberseguridade (700 euros), dous premios á Tese fin de Mestrado en Ciberseguridade na UDC e a UVigo(400 euros cada un), dous premios á Tese de Fin de Grao en Ciberseguridade na UDC e a UVigo (300 euros cada un) e un premio reto Gradiant - Hijos de Rivera (500 euros).

PUBLICIDADE