Fillos de Galicia ofrece a xestión e dirección dos seus proxectos na Rede
xoves, 25 de febreiro do 2010

- Multitude de webs están ao amparo de Fillos.org
A asociación responsable da principal
rede social da emigración galega en Internet, Fillos de Galicia, unha
comunidade virtual que ten como obxectivo manter e divulgar a galeguidade entre os descendentes da
diáspora galega, vén de anunciar que ten intención de traspasar os seus
proxectos na Rede a outras entidades ou particulares que poidan xestionalos e
melloralos, entre eles o máis coñecido, Fillos.org.
A decisión foi tomada logo dun ano de
interinidade na dirección desta asociación cultural, e logo de comprobar que
malia os repetidos intentos de promocionar o proxecto Fillos.org, o portal máis
coñecido da entidade, o número de usuarios que entraron para formar parte do
grupo, non superou o 1 por cento.
Fillos.org, unha rede social con máis de
6.800 galegos e descendentes adscritos, foi creada en 1997 por Manuel Casal
Lodeiro, un informático fillo de galegos emigrados a Biscaia, que
posteriormente dou lugar á creación da asociación Fillos de Galicia para darlle
soporte legal e “organizar un grupo de
xente comprometida coa galeguidade que fose axudando a definir o proxecto”.
Agora, tras 13 anos de actividade na
Rede, os responsables deste proxecto reclámanlle a algunha persoa ou entidade privada
que se faga cargo da mesma xa que, segundo palabras do seu creador, “sen unha dirección eficaz é inútil”.
Casal Lodeiro afirma que prolongou a súa
adicación ao proxecto “canto puiden”
pero logo de varios anos advertindo que o proxecto dependía demasiado do seu
compromiso persoal e da súa coordinación diaria, tivo que renunciar por motivos
persoais a seguir nos postos directivos da asociación, algo que tamén anunciou
o seu presidente un ano atrás.
A suma de “circunstancias persoais e económicas” levan agora á asociación a
recoñecer que “non é quen de continuar cos
proxectos”, e pídenlle a terceiras persoas que o intenten xa que “o noso público é importante e está aí, na Rede,
agardando que alguén lle siga a fornecer cultura galega e contacto co país”.
É por isto que a asociación vén de
publicar unha convocatoria aberta a toda a cidadanía, á procura dun relevo na
xestión e dirección dos seus sitios web, tanto de Fillos.org, como de
Galeguidade.net, eTIqueTAL.com, Debulla.info, Nome-Galegos.info e
Planeta-Galego.info entre outros dominios.
Mais iso si, os responsables da
iniciativa lembranlle ás persoas interesadas en dirixir o proxecto que
Fillos.org “é xa o sétimo centro galego do mundo en número de usuarios”, máis
non así en solvencia económica, claro está.
