Firefox 4 chega finalmente en febreiro

venres, 14 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Se ben estaba prevista para o mes de novembro de 2010, a nova versión do navegador Firefox, a número 4, xa semella a piques de petar na porta dos nosos computadores. En termos máis concretos, está prevista a súa chegada para este mes de febreiro. Tras dela, a nova versión deixa un ronsel de miúdos problemas cos aplicativos e ferramentas de Sicore, Flash e Silverlight, problemas que finalmente a longa listaxe de deseñadores que traballa no desenvolvemento de Firefox deu superado. Segundo informa a directiva de Mozilla, responsable do navegador, a espera vai pagar a pena.
En boa medida polas moitas vantaxes e novidades que trae no seu seo a versión 4, incluíndo un redeseño na interfaz do usuario, a incorporación de soporte HTML5 e un acelerador de hardware para vídeo de alta definición, entre outras cousas. Asemade, incorporará unha función chamada Multi Tuch, previsiblemente ligada ao emprego das pantallas táctiles, e que, cousa curiosa, aparece reflectida de xeito idéntico en tódolos medios de comunicación en liña que reflicten estes días a nova: en todos eles (non temos máis que facer unha busca en Google cos termos “multi tuch” e comprobalo) se fai fincapé en que esta función será o máis agardado da nova entrega de Firefox, pero ningún explica o porqué. Son as cousas que ten o curta e pega.