Firefox estrea unha extensión para evitar que Facebook rastrexe a nosa actividade na web
martes, 27 de marzo do 2018
Ante o
escándalo de Cambridge Analytica dende
Mozilla decidiron suspender a súa publicidade en Facebook, pero non quixeron
que a súa postura quedase nun simple xesto, e prepararon
unha extensión do seu navegador web que probablemente goce de moita
aceptación entre os preocupados polo deficiente coidado que Facebook fai da
información dos seus usuarios, xa que Facebook
Container construirá un valado ao redor da web de Facebook para que a compañÃa
de Mark Zuckerberg non poida facer un seguimento dos usuarios na súa actividade
no resto de páxinas web.
A nova extensión principalmente o que fai é illar a identidade dos usuarios de
Facebook nun contedor separado, dificultando que Facebook poida rastrexar a
actividade dos usuarios noutras páxinas web a través de cookies de terceiros, o que consideran que é unha opción máis
razoable que abandonar Facebook. Deste xeito os usuarios poderán optar por
gozar dos contidos en Facebook á vez que teñen un maior control sobre os seus datos.
Cando empreguemos o Facebook Container
veremos como na barra de enderezos do navegador aparece a palabra Facebook en
azul xunto á icona dun maletÃn, para indicar que estamos no modo especial do
navegador, e cando premamos nunha ligazón fóra de Facebook abandonaremos ese
modo de funcionamento, mantendo separada a actividade na web coa que se teña en
Facebook.
Mozilla advirte de que non recollerá datos desta extensión, senón que
limitarase a saber o número de veces que se instala ou desinstala. Tamén dá
conta de que, ao empregar a nova extensión, cando visitemos páxinas web que
teñan integrados os comentarios de Facebook ou o botón de Gústame, estes
elementos non poderán operar correctamente, pois o contedor non lles permite
identificarnos.