Flickr renóvase e ofrece 1 Tb de almacenamento de balde

martes, 21 de maio do 2013 Marcus Fernández

Aínda que a compra de Tumblr por parte de Yahoo! fose unha das novas da xornada de onte, a compañía dirixida por Marissa Mayer non quixo desaproveitar a ocasión de ter os focos sobre a mesma para dar organizar un evento para os medios de comunicación en New York no que sorprender anunciando a renovación do seu servizo de imaxes, que levaba varios anos perdendo pulo. O servizo de Flickr non só muda a súa aparencia facéndoa moito máis visual (maximizando o espazo que ocupan as imaxes), senón que tamén muda de modelo de negocio drasticamente, ofrecendo 1 Tb de almacenamento para fotografías totalmente de balde (permitindo a posibilidade de pagar para evitar a publicidade no servizo ou para contar cun almacenamento aínda maior).
Deste xeito, os usuarios de Flickr poderían gardar máis de medio millón de fotografías de 6,5 Mpíxeles na súa calidade orixinal, podendo acceder ás mesmas dende o seu ordenador, a través da web e incluso dende aplicacións móbiles. Precisamente nesta liña tamén renovan a aplicación de Flickr para Android, que está agora adaptada a esta nova imaxe do servizo, facilitando tamén o uso de imaxes na súa calidade orixinal.
O servizo permite subir fotografías de ata 200 Mbytes e vídeo de ata 1 Gb (cunha duración máxima de 3 minutos, deixando claro que é un servizo orientado ao vídeo privado e non á súa difusión como YouTube) e con este cambio espera recuperar a popularidade que lle roubaron nos últimos anos plataformas sociais como Facebook ou Google+, que tamén facilitan a publicación de fotografías.

Marissa Mayer encargouse de dar a coñecer os cambios en Flickr
Flickr adopta un deseño moito máis visual tras a súa renovación

PUBLICIDADE