Forza Horizon 6 fíltrase á Rede accidentalmente
luns, 11 de maio do 2026
Aínda que o xogo Forza Horizon 6 non debería ver a luz ata o vindeiro día 19, durante a pasada fin de semana filtrouse á Rede como consecuencia do que semella ser un accidente, pois aseguran que dende Playground Games subiron os 155 GB de ficheiros do xogo a Steam sen o debido cifrado, facilitando que se fixeran copias de xeito descontrolado.
Como consecuencia, xa hai usuarios xogando e compartindo na Rede capturas de pantalla e vídeos de gameplay, o que neste caso non sería un grande problema (xa que non falamos dun xogo narrativo que fose estragar a experiencia dos futuros xogadores por mor dos spoilers), pero si tería certo risco para os que ousen gozar do xogo en liña con estas copias ilegais (xa dan conta de bloqueos de contas de usuario).
Forza Horizon 6 chegará o 19 de maio a PC e Xbox Series X|S, mentres que a versión para PlayStation 5 verá a luz máis adiante.
