GAIN expón os instrumentos autonómicos para innovar no sector primario e visualiza casos de éxito

mércores, 8 de marzo do 2023 S. P.

Na mañá deste mércores 8 de marzo celebrouse a xornada A innovación no sector primario, transformando os recursos en competitividade, na que se falou das liñas de apoio á innovación nas empresas deste sector mobilizadas polas distintas consellerías a través do primeiro Mapa conxunto de apoio á I+D+i 2023 de Galicia. Estiveron presentes a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, e representantes das consellerías do Mar e de Medio Rural. Tamén asistiron ao encontro as empresas Panadería Da Cunha, Foresin, Seguridad Alimentaria del Noroeste e Marexi como casos de éxito de innovación neste sector.
A xornada encadrouse nun ciclo de sesións nas que se está a presentar o Mapa de apoios á I+D+i da Xunta de Galicia. O obxectivo destes encontros é “romper o teito de cristal para as pequenas e medianas empresas e profesionais autónomos”, así como achegar a innovación a aqueles sectores máis maduros, sinalou Argerey.
Este mapa, resultado do traballo da Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta e estruturado en base ás prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, inclúe 38 instrumentos de apoio e prevé mobilizar preto de 400 millóns de euros ao longo de 2023.
Neste senso, Argerey apuntou que a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3) mantén a modernización dos sectores primarios galegos e do turismo a través da innovación como un dos tres retos estratéxicos da política de I+D+i para este período. Trátase da valorización dos recursos do mar, do campo, do monte o do turismo a través da mellora da competitividade dos usos actuais e da procura doutros usos alternativos de alto valor engadido.
Entre as liñas de apoio presentadas atópase o programa de Bonos de Innovación, aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro 10 de abril. Nesta edición conta cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar máis dun millón, co obxectivo de impulsar os primeiros pasos para innovar nas microempresas e PEME.
Engadir que a xornada do 8-M, que se enmarca no ciclo de Networkings Galicia Empresa, está organizada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través de GAIN, e terá continuidade noutros encontros sectoriais centrados noutros ámbitos. Os eventos sectoriais celebraranse na sede da Axencia Galega de Innovación e online nas seguintes datas: 16 de marzo, O valor da función loxística e as enxeñarías na innovación empresarial; e o 22 de marzo, O futuro da minaría, a enerxía e a construción sustentable a través da innovación. Asemade, o vindeiro luns 13 de marzo, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), celebrarase de xeito presencial e en liña unha xornada informativa para presentar a nova convocatoria de Bonos de Innovación.