Galicia contará cunha regulación da investigación pública pioneira en España

mércores, 15 de marzo do 2023 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, compareceu este 15 de marzo ante a Comisión 6ª do Parlamento de Galicia para informar sobre o proxecto de decreto que regulará o estatuto do persoal de investigación na Administración autonómica e nas súas entidades. Segundo Argerey, trátase “dun estatuto pioneiro no ámbito estatal, xa que non existe ningunha outra Comunidade que regule a carreira investigadora nos centros públicos”. Tan só as Illas Baleares e Valencia posúen unha normativa que regula a carreira investigadora no ámbito exclusivo da sanidade, explicou. A futura norma pecha este 15 de marzo o seu prazo de exposición pública a través do Portal de Transparencia.
A directora da Axencia Galega de Innovación informou de “que a futura norma ofrece un marco profesional estábel e atractivo garantindo a estabilidade laboral deste persoal, definindo unha senda de desenvolvemento profesional e mellorando e homoxeneizando as condicións laborais”. Ademais, dixo, “impulsa a actividade investigadora en Galicia ao fixar o marco para as contratacións futuras a través dun sistema que busca a excelencia”.
Este proxecto de decreto “responde ás demandas do colectivo de persoal investigador e dá cumprimento aos acordos unánimes do Parlamento de Galicia sobre o impulso da carreira investigadora”, sinalou, engadindo que para este obxectivo tira proveito “da oportunidade que abre a reforma da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación
- que establece a necesaria estabilización pero non crea unha carreira- para regular desde o eido autonómico aspectos moi relevantes do réxime do persoal investigador que facilitarán a captación, retención e atracción de talento”.
Argerey tamén fixo saber que no seu proceso de redacción o proxecto de decreto foi analizado con todos os colectivos afectados co obxectivo de recoller as características e singularidades de todos os centros e ámbitos sectoriais e acadar o máximo consenso ao redor da norma. “Así mesmo”, sinalou, “analizouse a futura norma con investigadores de referencia, colectivos representativos e organizacións sindicais”.
Agora, GAIN analizará as achegas recibidas durante o prazo de exposición pública para valorar a oportunidade de incorporalas ao texto e continuará cos trámites administrativos requiridos. Finalmente, elevarase para a súa aprobación no Consello da Xunta e entrará en vigor tras a súa publicación no DOG esta primavera.
Argerey engadiu que “este completo modelo de carreira investigadora, ademais de permitir a mellora das condicións do persoal de investigación e do persoal técnico, fortalecerá a investigación que se realiza nos centros públicos de I+D posibilitando consolidar as capacidades de Galicia en sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a saúde, as ciencias mariñas ou o agrogandeiro, entre outros”. Ademais, explicou, “facilitará a mobilidade do persoal fomentando así a súa formación, a colaboración entre o tecido investigador e o tecido empresarial e o desenvolvemento de actividades empresariais por parte do persoal de investigación”.

PUBLICIDADE