Galicia ponse á cabeza do Estado en uso de contornas virtuais de aprendizaxe
mércores, 29 de maio do 2019
O
Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura
(CCG), vén de poñer o punto de mira nos hábitos das galegas e os
galegos ao abeiro dunhas tecnoloxías cada vez máis presentes nas
nosas vidas: as tecnoloxías dixitais. Froito
da investigación do CCG é o documento de traballo Tecnoloxías
da información e a comunicación, que guinda unha
máis que completa listaxe de datos interesantes sobre os nosos
puntos fortes e as nosas eivas en materia TIC. Entre os datos máis
positivos, figura o noso dominio dos chamados Entornos Virtuais de
Aprendizaxe, un modelo educativo novo no que estamos á cabeza do
Estado (colexios públicos).
Tamén
destacamos en uso de redes sociais (o 81,9% da poboación está
presente nelas e úsaas para comunicarse e obter información), sendo
máis maioritaria a aposta polo Facebook, seguida de lonxe por
Instagram e Twitter.
O
estudo adica unha parte relevante do seu miolo a coñecer a situación
de equipamento e uso nos centros escolares. Segundo fai saber o
Observatorio, os indicadores constatan unhas cifras en aumento, xa
que a ratio de alumnas e alumnos por computador no curso 2016-2017 é
de 2,3, no canto dos 3,1 puntos de cinco cursos antes.
No
informe tamén hai datos relativos á docencia que cómpre mellorar.
Por exemplo, que Galicia está nas Comunidades que teñen a media de
alumnos por ordenador máis baixa, fronte á Comunidade de Madrid,
que ten 5 escolares por cada aparello informático, unha taxa que cae
aínda máis na nosa terra se atendemos ao ao equipamento do
profesorado: Galicia está neste punto en peor posición có conxunto
de España, dado que a media é de 2,2 profesores por cada equipo e
na media de España é de 1,9.
Porén,
o informe constata “que a conectividade dos centros a Internet é
moi positiva”. Así, dise que “practicamente a totalidade dos
centros educativos teñen conexión”, poñéndose Galicia, neste
eido, en 1,2 puntos sobre a media estatal, cunha taxa do 95,8%. No
que atinxe ao que se fai con eses equipamentos, o estudo sinala que o
91,6% dos centros educativos da Comunidade galega dispón de páxina
web, pero o uso máis salientábel ten que ver co emprego de Entornos
Virtuais de Aprendizaxe (EVA), que implica a entrada en xogo de
tecnoloxías no proceso educativo (realización de exercicios,
interacción co profesorado ou traballo en equipo). Neste eido,
Galicia está á cabeza de todas as Comunidades e supera a media
estatal en 34 puntos porcentuais. A desigualdade de uso é grande
entre centros públicos (87,1%) e privados (28,8%), o contrario do
que acontece no resto do Estado.
Polo
respecta ás redes en si mesmas, o estudo do CCG constata as boas
sinerxías que teñen establecido coa poboación de aquí. Así, oito
de cada dez galegos úsanas e, dentro delas, Facebook é a máis
empregada. O 81,4% das e dos internautas galegos elixen esa rede para
comunicarse, informarse e subir fotos, comentarios e opinións. Xa, a
moita distancia, Instagram é a segunda opción (55,3%), seguida de
Twitter (47,3%) e LinkedIn (25,2%). O emprego deste servizos de
comunicación en liña sitúanos por riba da media no conxunto de
España.
Polo
que respecta aos blogs, seguen un vieiro en caída, sexan da índole
que sexan.
Das
páxinas web, Google segue a ser a páxina máis consultada tanto en
Galicia (28,7%) coma no conxunto de España (28,1%). A segunda cun
meirande índice de acceso na nosa terra é La Voz de Galicia, cun
18,1%. YouTube, Amazon, Marca, El País, Faro de Vigo, Meteogalicia e
Xunta de Galicia tamén están entre os sitios en liña máis
visitados.
Con respecto aos servizos de mensaxes instantáneas, WhatsApp é o preferido, cun 95,1% dos usuarios. Séguenlle outros como Telegram ou Facebook Messenguer con taxas do 24,6% e o 13,7% respectivamente. Skype baixou o seu uso desde 2016 pois pasou do 36,6% ao 24,3%.
Respecto
dos motivos para conectarnos, ler novas segue a ser o obxectivo
principal (o 87% dos usuarios fano por ese motivo).
No
que atinxe ao comercio electrónico, en 2018 houbo en Galicia 148.000
usuarios máis ca en 2015. Pola Rede mercamos sobre todo roupa e
artigos deportivos.
No
informe tamén se di que o ano pasado un 94,2% das nenas e nenos
galegos de 10 a 15 anos usou o computador, un 95,3% accedeu a
Internet e un 66,5% dispuxo de teléfono móbil.