Galicia regulará a Intelixencia Artificial na Administración autonómica
xoves, 16 de marzo do 2023
A Xunta
anunciou este 16 de marzo importantes medidas para regular o emprego
da Intelixencia Artificial no ámbito público. O conxunto de
normas apóiase nun informe elaborado polas tres universidades
públicas galegas sobre o marco ético e normativo para o
desenvolvemento desta tecnoloxía. Os detalles da iniciativa foron
dados a coñecer polo conselleiro de Facenda e Administración
Pública, Miguel Corgos, na presentación do dito estudo (o Marco
ético normativo e adopción da Intelixencia Artificial (IA) en
Galician). O acto contou coa participación dos reitores das tres
universidades: Antonio López (Santiago de Compostela); Julio Abalde
(A Coruña) e Manuel Reigosa (Vigo).
Miguel Corgos sinalou que “a Intelixencia
Artificial é unha responsabilidade compartida e que desde esta
posición se poden afrontar mellor os retos relacionados coa
especialización da sociedade galega en tecnoloxías e a forma na que
se aplican, tendo sempre en conta o benestar das persoas e o
desenvolvemento social e económico”. Neste marco, lembrou que “a
comunidade galega foi a escollida para acoller a primeira Axencia de
Supervisión da Intelixencia Artificial, a AESIA, que estará na
Coruña”.
Na súa intervención, o conselleiro fixo fincapé
nas preocupacións da Administración relativas á utilización das
tecnoloxías intelixentes de xeito que cumpran os criterios éticos e
normativos máis esixentes: “Que a administración sexa cada vez
máis eficiente, a través automatización de procesos, robotización
ou minería de datos; que avance na mellora dos servizos que se
ofrecen á cidadanía, cada vez máis personalizados, a través de
tecnoloxías de xestión intelixente do dato e novos modelos de
procesamento, almacenamento ou servizos na nube; e que e faciliten as
relacións entre a cidadanía e a administración, mediante o
desenvolvemento de asistentes virtuais e novas ferramentas para
dispositivos móbiles”. Sen esquecer, engadir, “garantir o acceso
aos servizos das persoas sen habilidades dixitais, a través de
figuras como a do apoderado ou o funcionario habilitado”.
Marco ético normativo e adopción da IA en
Galician
Expertos das tres universidades destacaron na
presentación que “hai marxe para que os Estados e as comunidades
autónomas reforcen os obxectivos da lexislación europea sobre
Intelixencia Artificial, incluso dende antes da súa entrada en
vigor”. Neste sentido, inciden en que “nada impide que a
comunidade autónoma regule xa a utilización das tecnoloxías
baseadas en IA polo propio sector público autonómico e, no seu
caso, polas entidades locais galegas”. Tampouco hai impedimento,
engadiron, a que “a comunidade autónoma poida desenvolver unha
política propia de fomento do desenvolvemento de tecnoloxías
baseadas na IA”. Porén, advirtiron de que “está xurdindo un
mosaico de normas nacionais con posíbeis diverxencias que
entorpecerá a circulación fluída na UE de produtos e servizos
asociados a sistemas de Intelixencia Artificial e non garantirá de
maneira efectiva a seguridade e a protección dos dereitos
fundamentais e os valores comunitarios”.
Esta é unha das conclusións do estudo presentado
este xoves 16 de marzo na Cidade da Cultura, promovido pola Xunta e
elaborado por equipos multidisciplinares das tres universidades
públicas galegas.
Este informe, sinalouse, “é o primeiro
elaborado nunha comunidade autónoma española para afrontar os retos
para unha IA fiábel a acorde cos valores humanos que promove a Unión
Europea”.
Previamente á presentación do estudo
desenvolveuse un espazo de diálogo sobre O papel da linguaxe para
unha IA ética e fiábel no que participaron o catedrático
de Teoría da Literatura, Darío Villanueva, e o director do Foro de
Humanismo Tecnolóxico de ESADE, José María Lassalle. O debate foi
moderado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica
de Galicia, Julián Cerviño.
O estudo foi presentado polo catedrático de
Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, Luis Miguez; a
catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da
Universidade da Coruña, Amparo Alonso, e o profesor titular de
Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Alberto Vaquero.
Entre as conclusións do traballo, os autores
destacan que “para estudar escenarios de regulación da IA en
Galicia resulta recomendábel seguir activamente os acordos e avances
da AI Act (Lei europea de IA) de cara a situarse como
pioneiros na aplicación que corresponda e lograr aliñarse para
impulsar o mercado único europeo e crear oportunidades claves en
torno ao desenvolvemento e uso da IA en Galicia”. Sinalan, así
mesmo, que “as empresas galegas contan con certas vantaxes, como as
derivadas da existencia dunha clara aposta da Xunta pola IA,
materializada nunha estratexia formal, e a implantación de graos
universitarios neste ámbito de formación”.
O estudo artellouse en torno a tres aspectos: o
marco lexislativo da IA, a identificación das claves do éxito na
adopción da IA no mundo e un sistema de indicadores para Galicia, e
a análise da situación actual da adopción da IA en Galicia e
recomendacións para o seu impulso.
En canto ao sistema de indicadores proposto, os
expertos tomaron como referencia a Estratexia Galega de Intelixencia
Artificial e os datos dispoñíbeis a través do Observatorio da
Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA). Entre
os aspectos de análise atópanse as conexións da rexión coas
principais redes de intelixencia artificial; a formación e
adaptación do capital humano e da poboación; o desenvolvemento das
condicións necesarias para o desenvolvemento da IA: administracións
públicas, empresas e sectores estratéxicos; e o apoio dende os
axentes do ecosistema de innovación galego e a súa aportación á
evolución social e económica de Galicia.
O
estudo pode consultarse na web de AMTEGA.