Galiciencia propón ao alumnado de Primaria un concurso para deseñar a súa camiseta oficial

luns, 13 de febreiro do 2023 S. P.

A coñecida como meirande feira científica que se celebra na nosa comunidade, Galiciencia, chega este ano á súa 18ª edición e celebrarase no mes de maio, co lema: Aeronáutica e Aeroespacial.
Galiciencia inaugurada en 2016, e promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), nace coa vontade de achegar a ciencia á sociedade, centrándose nos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato e desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología -Ministerio de Ciencia e Innovación.
Cómpre subliñar que, amais do concurso de proxectos, convócase o concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2023, certame encamiñado a todo o alumnado de Primaria dos centros educativos de Galicia. As propostas deben ter como punto de referencia calquera obxecto ou contorna relacionada coa temática desta edición da feira: Aeronáutica e Aeroespacial. O prazo para presentalas remata o vindeiro 20 de marzo.
Todos os participantes que desexen formar parte deste concurso deberán enviar un correo electrónico cos seus deseños escaneados a galiciencia@tecnopole.gal. Tamén se poden presentar os orixinais na recepción do Parque Tecnolóxico de Galicia, xa sexa en persoa ou por correo postal.
Poderanse presentar ata un máximo de dous deseños por persoa, tanto de xeito individual como en grupo. Deberán ser orixinais e inéditos e non ter sido premiados en ningún outro certame. Entregaranse nun folio tamaño A4 e o deseño deberá ocupar alomenos a metade do folio e realizarase sobre fondo branco. É preciso indicar: o título da obra, o nome completo do autor, o centro educativo ao que pertence, un teléfono de contacto e correo electrónico do docente ou titor do alumno/a participante.
Un xurado de expertos decidirá a proposta gañadora, que se fará pública a través da páxina web e das redes sociais de Galiciencia. O premiado recibirá camisetas para toda a súa clase de Primaria, con exemplares tamén para os seus docentes e familiares. Asemade, distribuiranse camisetas entre o persoal da organización e entre o alumnado que expoña os seus proxectos na feira. Máis información ne web de Galiciencia.