GamersWalk, unha plataforma de eSports nacida en Galicia

xoves, 15 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Hoxe foi un día moi especial para moitos afeccionados aos deportes electrónicos, xa que naceu unha nova plataforma neste ámbito que curiosamente chegou de emprendedores galegos, GamersWalk, que para a súa posta de longo contou coa presenza de varios influencers do panorama estatal para probar na sede da compañía en Oleiros a plataforma en liña que permite que os usuarios poidan gozar de partidas en streaming nas que se repartirán premios a través de preguntas en tempo real ou con prognósticos.
Durante a mañá celebrouse unha presentación ante os medios nas que explicaron o funcionamento de GamersWalk, plataforma que busca aproveitar o feito de que os deportes electrónicos moveron máis de 263 millóns de euros en Europa ao longo de 2016 para crear un sistema que permite optar a premios en directo, tanto virtuais como reais, para o que tiveron que desenvolver un innovador sistema de gamificación que permite avatares personalizados e melloras adaptadas a cada participante, á vez que tamén desenvolve unha moeda de seu, a GamerCoin. A plataforma inicia a súa andaina co apoio de importantes axencias e compañías a nivel internacional, polo que pretende irromper no mercado con moita forza, para converterse nun contorno atractivo para os 15 millóns de videoxogadores que hai en España.
GamersWalk dispón de espazos publicitarios de grande impacto visual, adopta un formato free to play que anima aos usuarios a participar para despois gañar GamerCoins (no caso de querer gozar de melloras de xeito directo poden facerse con estas moedas mediante pagamentos con cartos reais) e tamén conta cun sistema de xemas que permiten acelerar os tempos de espera do usuario para, por exemplo, abrir as caixas que inclúen premios directos (como o desbloqueo de funcións ou a construción de materiais na forxa).
Na sesión vespertina un grupo de youtubers celebrou unha serie de sesións de streaming para demostrar ante os seus seareiros a nova plataforma, sendo estes gamers bastante célebres no panorama español, con figuras como Chincheto, Ethieen, Reven, FlipiN ou a viguesa Sarinha, que xuntos acumulan uns 4 millóns de subscritores en YouTube.
Aínda que a inauguración oficial de GamersWalk foi hoxe, a plataforma leva un tempo en probas, contando xa con preto de 8 mil usuarios rexistrados, que confían en que medren de xeito importante nas vindeiras semanas á vez que a plataforma irá incorporando novas ferramentas e melloras.

FlipiN, Sarinha e Ethieen durante o primeiro streaming da tarde a través de GamersWalk
Os youtubers non esqueceron dar conta do evento aos seus seareiros a través dun selfie

PUBLICIDADE