O curioso baile asociado a Gangnam Style foi unha parte fundamental do seu éxitoHai menos dun mes, o vídeo musical oficial do tema Gangnam Style do surcoreano PSY converteuse no vídeo máis reproducido na historia de YouTube con 803 millóns de reproducións, e hoxe avanza un chanzo máis facendo historia pois en pouco máis de 5 meses en liña conseguiu rachar a barreira de 1.000 millóns de reproducións en YouTube, superando todas as marcas imaxinables que reflicten o éxito internacional que conseguiu una canción apegadiza cun vídeo musical o suficiente absurdo e divertido como para inspirar a milleiros de parodias en todo o mundo nun fenómeno viral que conseguiu eclipsar á canción Call Me Maybe de Carly Rae Jepsen (que foi a que comezou a vaga de parodias e versións durante o pasado verán). Aínda que PSY era moi coñecido en Corea, agora é unha celebridade mundial, tras superar o millón de reproducións do seu vídeo en preto de 75 países, no que algúns consideran como a Macarena da era do vídeo. De feito, o número de reproducións do vídeo oficial só reflicte a parte doada de contrastar do volume que está a conseguir este hit, pois dende YouTube estiman que as homenaxes a esta canción superan os 20 millóns de reproducións ao día, e incluso a versión da canción que o propio PSY interpreta coa cantante Huyna tamén acumulou máis de 200 millóns de reproducións. PSY podería estar a facturar millóns de dólares só en publicidade asociada ao seu vídeo en YouTubePSY está a conseguir rendibilizar este éxito na Rede, non só polo que lle supón en contratacións no mundo real, senón tamén porque YouTube conta cun sistema de publicidade que podería ter xerado uns 8,1 millóns de dólares en anuncios á vez que impulsaría as máis de 2,9 millóns de descargas a través de iTunes (promovidas principalmente polos propios vídeos publicados na Rede, que inclúen unha ligazón para axilizar a súa compra). Sen dúbida, PSY puxo o listón moi alto para o vindeiro éxito na Rede que queira mellorar os seus resultados, aínda que cómpre lembrar que este fenómeno puido ser posible grazas a que cada vez está máis espallada a banda larga a nivel mundial, polo que non sería de sorprender que temas cunha repercusión subxectiva inferior poidan superar no futuro a PSY grazas a que a masa de usuarios con acceso á Rede sexa moi superior á actual.