GeoTask revoluciona dende Galicia Open Future a xestión de recursos empresariais en desprazamento

xoves, 20 de outubro do 2016 Fernando Sarasketa

O centro de crowdworking impulsado por Telefónica na Cidade da Cultura, Galicia Open Future (terceira edición), está a acelerar (entre outras moitas experiencias salientábeis de innovación) unha interesante proposta para favorecer a xestión empresarial a través dos dispositivos intelixentes. Trátase de Geotask, unha aplicación web e móbil desenvolvida por Ensilabs, empresa con sede na Coruña e que foi posta en marcha por 3 enxeñeiros informáticos galegos: Adrián Brañas (Sada); Eugenio Novás (Pontevedra) e Yago Modesto González (Ames).
Indo ao miolo de GeoTask, estamos perante o conxunto dunha aplicación web e unha aplicación móbil, que permite organizar a xestión de tarefas e ter localizados aos traballadores a través dun smartphone. Dito doutro xeito: unha app que pode ser de gran utilidade para todo tipo de organizacións, de xeito especial, para aquelas que contan cunha frota comercial que desexen supervisar ou que realicen desprazamentos, entregas, visitas, reparticións, viaxes (empresas de paquetería, transporte de mercadorías...).
Que achega de novidade GeoTask con respecto a outras solucións? Pois esta aplicación instálase no móbil do traballador e non precisa da instalación de ningún dispositivo GPS adicional, xa que non está encamiñada a vehículos. Asemade, está optimizada para minimizar o uso de batería e datos. Así, fai posíbel a localización instantánea dos recursos móbiles (condutores, comerciais...) nun mapa en tempo real e a través da aplicación web (orientada á xestión) pódense consultar históricos de rutas e acceder a datos que permiten optimizar consumos de combustíbel, distancias ou tempos, así como Até o de agora, GeoTask só está dispoñíbel para Android, atópase en fase de comercialización mais xa está a ser empregada por empresas da Coruña, Ferrol, Santiago e Pontevedra.
Engadir que o uso de GeoTaks non require da instalación de ningún tipo de hardware nas instalacións dos usuarios, xa que a ferramenta está aloxada nos servidores de Ensilabs e accédese a ela a través dunha URL e un contrasinal de acceso.

PUBLICIDADE