Google Docs estrea aplicación para Android

mércores, 27 de abril do 2011 Marcus Fernández

Google finalmente leva o seu servizo web de documentos aos móbiles con Android a través dunha aplicación nativa que xa está dispoñible no Android Market, e que permite crear, editar, cargar e compartir documentos dende o móbil. A nova aplicación facilita a localización de documentos dende o móbil, a realización de pequenas modificacións en follas de cálculo, ver documentos de texto, PDF, imaxes…, cargar e converter ficheiros ao formato de Google Docs, compartir documentos cos contactos que teñamos no móbil e mesmo capturar documentos impresos coa cámara do móbil para convertelos a documentos de Google facendo uso de tecnoloxía de recoñecemento óptico de carácteres (OCR).
Polo momento a última opción mencionada funciona bastante ben con texto en inglés (nas probas que realizamos con textos en español tampouco tiña problemas en identificar carácteres acentuados), pero ten problemas de recoñecemento con texto manuscrito e algunhas tipografías, pero irá evolucionando, converténdose nunha ferramenta moi interesante para os usuarios que teñan móbiles con Android 2.1 ou superior.

A nova aplicación recoñece texto impreso (especialmente en inglés) e convérteo a documentos de Google

PUBLICIDADE