Google Maps celebra o Día de Mario

venres, 9 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Ao igual que o 4 de maio (May the Fourth, en inglés) está considerado por moitos como o Día de Star Wars, o 10 de marzo (MAR 10) está considerado como o Día de Mario, e para celebralo cos seareiros do fontaneiro de Nintendo dende Google decidiron agochar unha curiosidade na aplicación de Google Maps para iOS e para Android, de xeito que agora, cando solicitamos unha ruta, xunto ao botón para iniciar as indicacións atopamos unha icona cunha interrogación que iniciará o Mario Time.
Este novo modo de funcionamento de Google Maps consistirá en presentar a figura de Mario subido nun kart no mapa, indicando a nosa posición, de xeito que acompañaranos nas nosa viaxe, mentres se escoitan son dos seus xogos. Esta funcionalidade estará dispoñible durante unha semana en todo o mundo, instando aos usuarios a que compartan capturas de pantalla coa mesma co cancelo #MarioMaps.
Dende Google tamén recomendan unha condución responsable e segura, polo que pregan aos usuarios da súa aplicación que durante o Mario Time non tiren á estrada mondas de plátano nin arroxen cunchas vermellas a outros condutores.

PUBLICIDADE