Na pasada edición da WWDC Apple adiantou novidades que chegarán ao público no outono, entre as que chamou moito a atención a súa solución de realidade aumentada (ARKit) para facilitar que os desenvolvedores creen ferramentas que aproveiten esta tecnoloxía, e agora Google move ficha, e presenta ARCore, un kit de desenvolvemento para facilitar a creación de software que aproveite a realidade aumentada baixo Android, tanto para teléfonos actuais como futuros.
Google leva tres anos traballando coa realidade aumentada a través do proxecto Tango, para o que precisaba de smartphones con sensores de profundidade específicos, pero con ARCore queren aplicar todo este traballo a dispositivos que non precisen de hardware específico, de xeito que funcionen en todo o ecosistema de Android. Polo momento ARCore está dispoñible para os Google Pixel e Samsung Galaxy S8, pero pretende chegar a 100 millóns de dispositivos en poucos meses, mentres proban esta prometedora tecnoloxía.
ARCore funciona con Java/OpenGL, Unity e Unreal (o que facilitará o seu aproveitamento en aplicacións e xogos) enfocándose en tres piares: o seguimento do movemento (determina a posición e orientación do teléfono para que os elementos virtuais aparezan colocados axeitadamente), a comprensión do contorno (o sistema ten que identificar as superficies horizontais nas que se colocarán os obxectos virtuais) e a estimación da luz (deste xeito os obxectos virtuais poderán aparecer correctamente iluminados e xerar sombra, para ter un acabado máis realista).
Vídeo de presentación de ARCore
