A aplicación de Expedicións de Google (Google Expeditions), que permite dirixir viaxes virtuais envolventes por todo o mundo como ferramenta educativa, para achegar monumentos históricos ou levarnos a lugares practicamente imposibles de visitar como o fondo do mar ou o espazo exterior, está a dar un importante paso adiante, xa que non se limitará aos contidos creados por entidades socias de Google ao facilitar a creación das experiencias en realidade virtual a educadores, estudantes ou calquera cidadán a través do Tour Creator.
A nova ferramenta permite contar historias baseándose nas imaxes envolventes de Google Street View ou das propias fotografías en 360 graos que tomemos, de xeito que a tecnoloxía non será un atranco, e quen queira crear unha expedición terá que preocuparse só de tecer historias visuais, que logo poderán publicarse en Poly, para que despois poidan vivirse no navegador web ou empregando cascos de realidade virtual como o cartón de Google.
O Tour Creator pode resultar de grande interese, non só por facilitar que incluso pequenas comunidades poidan difundir o seu patrimonio e a súa historia dun xeito moderno e atractivo, senón tamén como un incentivo para os mozos para investigar e elaborar o contido que logo poderán compartir co mundo.
Vídeo promocional do Tour Creator de Google
