Google faise con parte do equipo móbil de HTC por 1.100 millóns de dólares

xoves, 21 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A relación de HTC e Google é moi longa, pois a compañía taiwanesa era a que estaba detrás dos primeiros smartphones con Android, de xeito que este fabricante encargouse de varios dos dispositivos da familia Nexus e dos actuais Pixel, pero a empresa non conseguiu transmitir a debida confianza ao consumidor, e nos últimos anos os seus móbiles non conseguiron despuntar en vendas de xeito que actualmente incluso carecen de presenza comercial en tendas físicas españolas (o que acontece en practicamente toda Europa).
O feito de que os móbiles insignia de Google sexan fabricados en moitas ocasións por HTC tampouco paliaba a situación dado que a súa distribución está moi limitada (os smartphones Google Pixel non se comercializan en España nin sequera a través da tenda en liña de Google), o que agudizaba a crise dun fabricante sobre o que había intensos rumores de adquisición por parte de Google como vía de saída á actual situación, pero finalmente atoparon unha solución parcial consistente nun acordo de cooperación con Google por valor de 1.100 millóns de dólares en efectivo.
Con esta operación Google non merca a división de móbiles de HTC, pero si faise con moitos dos seus empregados, especialmente os que estaban involucrados no desenvolvemento dos móbiles Pixel, de xeito que non se expulsa a HTC do mercado. Coa operación Google tamén recibe una licenza non exclusiva da propiedade intelectual de HTC, ou sexa, que Google poderá ter smartphones de seu captando o coñecemento de HTC. A transacción completarase a primeiros de 2018.
HTC continuará a traballar con Google no vindeiro smartphone Pixel (que presentarase en breve) e tamén manterá o seu negocio de realidade virtual, a liña HTC Vive, que en contraste co que acontece cos móbiles, está a ser moi ben considerada, de xeito que actualmente HTC é referente neste ámbito (pese a que a compañía considerada pioneira no mesmo é Oculus).
Temos así que a colaboración durante a última década de Google e HTC remata dun xeito tan drástico como cando Microsoft absorbeu a Nokia, senón que desta volta Google actúa máis como un salvavidas da compañía taiwanesa, dándolle unha inxección económica que precisa para manterse en activo e buscar avanzar en liñas de negocio como a Internet das Cousas que poidan garantirlle un futuro.

PUBLICIDADE