Google levará os xogos de Android a Windows o ano que vén

venres, 10 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Durante a cerimonia de entrega dos The Game Awards houbo un anuncio que colleu totalmente por sorpresa a todos e que chegou de parte de Google, compañía que adiantou que en 2022 veremos unha aplicación de Google Play Games para Windows que levará aos nosos ordenadores persoais xogos desenvolvidos inicialmente para Android.
Actualmente hai uns 2.500 millóns de usuarios que gozar de xogos para Android en móbiles, tabletas e ordenadores con Chrome OS, e levando os xogos da tenda de aplicacións de Google a equipos con Windows increméntase moitos a súa dispoñibilidade.
Este anuncio sorprende principalmente porque está previsto que nos vindeiros meses Windows 11 incorpore a tenda de aplicacións para Android de Amazon, ou sexa, que achegue numerosas aplicacións e xogos para Android a ordenadores persoais, polo que temos que entender que o paso dado por Google é independente. De feito, un voceiro da compañía comunicou a The Verge que a nova aplicación de xogos é unha creación propia de Google, desenvolvida sen a colaboración de Microsoft ou de compañías de virtualización de aplicacións para Android como BlueStacks, e que non chegaría só a Windows 11, senón que tamén sería compatible con Windows 10, para alegría de moitos xogadores móbiles que terán así máis opcións para continuar as súas partidas. Tamén é posible que esta porta aos xogos de Android dende equipos informáticos tamén se abra a ordenadores de Apple.

PUBLICIDADE