Google permite usar o móbil para protexer as contas en liña

mércores, 10 de abril do 2019 Marcus Fernández

Dende Google levan un tempo recomendado o emprego de chaves de seguridade físicas como unha medida para protexer as nosas contas en liña ante casos de phishing, e aínda que continúan a considerar este método como moi robusto e fiable, queren ofrecer máis posibilidades aos usuarios, e así agora estrean en probas para usuarios con móbiles con Android 7.0 ou superior a posibilidade de empregar o propio teléfono a xeito de chave de seguridade.
Para poder empregar o móbil como chave de seguridade precisamos que o noso equipo informático con Chrome OS, macOS ou Windows 10 teña Bluetooth, para poder establecer a comunicación entre o equipo e o dispositivo móbil, e logo chegará que na configuración da seguridade 2SV elixamos entre as chaves dispoñible o noso teléfono. Deste xeito, cando queiramos identificarnos coa nosa conta nun equipo, o móbil recibirá un aviso e teremos que confirmar a nosa identidade, de xeito que a filtración do noso nome de usuario e o noso contrasinal non será dabondo para vulnerar a seguridade das nosas contas.
En calquera caso dende Google recomendan adquirir tamén unha chave de seguridade física, para gardala nun lugar seguro, de xeito que se extraviamos o noso teléfono non perdamos o acceso á nosa conta de Google.

Vídeo no que presentan a posibilidade de utilizar o móbil a xeito de chave de seguridade

PUBLICIDADE