Gradiant pecha este martes o seu proxecto LIFTGATE nunha xornada de portas abertas
martes, 16 de setembro do 2014
Gradiant amósase
(literalmente) este martes 16 ao tecido empresarial e investigador
galego. De feito, o centro tecnolóxico con sede en CITEXVI (Vigo)
celebra hoxe unha
Xornada de Portas Abertas coincidindo co evento de peche do
seu proxecto LIFTGATE, como lembraremos unha iniciativa abeirada
a REGPOT do Sétimo Programa Marco da Unión Europea. Recordar tamén
que LIFTGATE dirixiuse en boa medida a pór o noso potencial
investigador, no eido das TIC, o máis preto posible de Europa.
Así, un dos seus
cometidos foi o de fomentar intercambios profesionais e de
coñecemento cos máis renomeados investigadores europeos e os
centros onde desenvolven o seu traballo. Volvendo á xornada, dicir
que nela, varios do enxeñeiros do centro galego poranse a
disposición dos visitantes para efectuar demostracións das últimas
tecnoloxías nas que traballa Gradiant. Por exemplo as súas
solucións de Recoñecemento Facial en Dispositivos Móbiles ou os
sistemas de seu para a Monitorización Cardiorespiratoria sen
contacto co paciente, ou tamén a Análise Semántica en Redes
Sociais ou o Recoñecemento de Emocións a través de exames de
vídeo. Tamén se fará un repaso, como é de agardar, do que
significou para Gradiant e para a nosa terra o proxecto LIFTGATE, que
investiu 2,3 millóns no desenvolvemento do centro tecnolóxico
galego e as súas capacidades, “elevando a súa competitividade a
nivel europeo”.
Programa da xornada
10h00 - Comezo da Xornada Portas
Abertas
10h05 - Comezo das sesións de
demostración das tecnoloxías Gradiant
11h30 - Acto oficial de peche do
Proxecto LIFTGATE
Introdución breve ao proxecto
Vídeo resumen do proxecto
Intervención de David Vazquez Cortizo,
director xeral de Gradiant
Intervención de Fernando Pérez
González, ex-director xeral de Gradiant
12h00 - (Cont.) Xornada Portas Abertas,
demostracións de tecnoloxías Gradiant
14h00 - Final da Xornada
