HP e o CESGA unen forzas en prol do e-learning para a mellora das escolas rurais

mércores, 7 de xullo do 2010 Raquel Noya

O Centro Rural Agrupado de Boqueixón-Vedra será un dos beneficados este proxecto conxunto entre HP e o CESGA

Cada ano, os laboratorios de HP lanzan unha convocatoria de varios proxectos en colaboración con diversas entidades dedicadas á investigación a nivel mundial coas que tratar de mellorar algún eido do día a día de toda a cidadanía mediante o emprego das TIC. Nesta ocasión, aproveitando a tecnoloxía cloud (en nube) e as vantaxes que a mesma conleva, esta entidade vén de aprobar un proxecto de educación, no que colabora estreitamente coas áreas de e-Learning e Sistemas do Centro de Supercomputación de Galicia, así como outros dous realizados por unha universidade norteamericana e outra de Taiwan.
A proposta, xurdida nos HP Labs IRP 2009 Call, consiste nunha solución baseada en tecnoloxías cloud para proporcionar servizos de colaboración e aprendizaxe en liña ás redes de Centros Rurais Agrupados.
O proxecto, que se fai chamar, Comunidades Rurais Virtuais en Cloud para Educación, conta co apoio e activa colaboración da Xunta de Galicia a través de dous departamentos: a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
José Luís Mira Lema, Director Xeral de Educación mostrouse convencido de que “os resultados deste proxecto proporcionarán información de alto interese acerca do uso da tecnoloxía cloud en educación, así como na resposta ás necesidades específicas das comunidades educativas rurais”.
O sistema de computación en nube, segundo informan os responsables do proxecto, “é moi axeitado ás necesidades e tipoloxía específica dos Centros Rurais Agrupados (CRAs) xa que, entre outras cousas, proporciona un ensino de calidade e integra a cada centro na súa comunidade local”.
Xa que logo, o CESGA será o organismo encargado de implantar e avaliar, aquí no noso país, un proxecto piloto no vindeiro curso 2010-2011. En concreto no CRA de Boqueixón-Vedra, coa sede principal en Lestedo, pero que integra as escolas de Lestedo, Sarandón, Sergude, San Xián de Sales, San Fins de Sales, Camporrapado I e II, as cales verán facilitado e seu acceso a recursos e ferramentas en liña.
Estas ferramentas permitirán, ademais de facilitar o traballo colaborativo entre todos os integrantes, realizar actividades simultáneas en todos os centros “en vivo” a través de Internet e posibilitar que se convirta nun “centro 2.0”, sen portas nin horarios, onde a comunidade educativa poida interactuar en calquera momento.
A principal vantaxe deste modelo de software como servizo (SaaS) da tecnoloxía cloud, radica en que permite que non sexa necesario instalar o software en cada computador, senón que está accesible en Rede para todos os membros da comunidade educativa. Isto limita os custos de licenzas de software necesarios e garante que todos os recursos estean dispoñibles en todas as escolas e ordenadores onde fagan falta. Isto tamén reduce o número de problemas técnicos relacionados con instalacións e actualizacións de software, sabendo que estas escolas rurais non contan con persoal técnico que poida solucionar de forma inmediata estas incidencias.
O proxecto Comunidades Rurais Virtuais en Cloud para Educación, que conta cun ornamento de 67.000 euros para a súa execución, permitirá implantar e avaliar as posibilidades da tecnoloxía cloud na escola rural, onde, sobre unha plataforma tecnolóxica virtualizada e escalable, disporanse recursos, materiais e ferramentas adaptadas á escola e as súas necesidades, posibilitando a todos os membros da comunidade educativa o acceso de forma moi sinxela a un espazo en liña a través dun navegador web, onde estarán dispoñibles os recursos e aplicacións necesarios para facilitar as actividades educativas, información e traballo colaborativo entre as diferentes escolas que pertencen a un CRA. Para iso, previamente, analizaranse as necesidades deste colectivo concreto, e desenvolveranse aquelas aplicacións ou recursos para dar resposta á súa situación.

PUBLICIDADE