HTC presenta 3 novos teléfonos

martes, 16 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Co gallo do Mobile World Congress de Barcelona HTC decidiu presentar 3 novos terminais de telefonía móbiles que veñen a ser versións evolucionadas ou simplemente diversificadas doutros dispositivos fabricados pola compañía, sendo o máis rechamante o HTC Desire, que vén a ser o equivalente ao Nexus One, pero incorporando de serie a interface Sense e substituíndo o trackball por un trackpad óptico. Os outros dous modelos serían o HTC Legend (considerado coma un HTC Hero con carcasa de aluminio) e o HTC HD mini (versión compacta do HTC HD2). Os 3 chegarán ao mercado no mes de abril, e Vodafone foi a primeira compañía en confirmar que os incorporará ao seu catálogo.
Indo polo miúdo, o HTC Desire é un terminal con pantalla táctil AMOLED de 3,7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, un procesador Qualcomm Snapdragon a 1 GHz, 576 Mb de RAM, cámara de 5 Mpíxeles, acelerómetro, GPS, compás dixital, sensores de proximidade e luz ambiental, lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb, Wi-Fi, 3G, posibilidade de compartir a conexión de datos do móbil por USB, Bluetooth, radio FM e sistema operativo Android 2.1 (con widgets de HTC e integración con redes sociais). Mide 119 x 60 x 11,9 mm e pesa 135 gramos con batería.


Vídeo de presentación do HTC Desire

O outro móbil con Android 2.1 que presenta HTC é o seu Legend, que pode considerarse coma unha evolución do HTC Hero, cunha pantalla táctil AMOLED de 3,2 polgadas cunha resolución de 320 x 480 píxeles, trackpad óptico, procesador a 600 MHz, cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático e flash, GPS, Wi-Fi, Bluetooth e outras prestacións semellantes ás do HTC Desire (pero nun terminal de menor potencia). O HTC Legend mide 112 x 56,3 x 11,5 milímetros e pesa 126 gramos.


Vídeo de presentación do HTC Legend

O HTC HD mini, pola súa banda, é un teléfono que funciona con Windows Mobile 6.5.3 coma o HTC HD2, do que poderiamos considerar que é un redeseño máis compacto e lixeiro (mide 103,8 x 57,7 x 11,7 milímetros e pesa 110 gramos), goza da interface HTC Sense, ten cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático e flash, GPS, Bluetooth, W-Fi, pantalla de 3,2 polgadas, procesador a 600 MHz e 384 Mb de RAM e lector de tarxetas microSD. A súa banda larga móbil pode compartirse tanto por Bluetooth coma por USB, podendo operar tamén coma se fose un punto de acceso Wi-Fi.


Presentación en vídeo do HTC HD mini