Highguard, outro xogo que bota o peche pouco despois do seu lanzamento

martes, 3 de marzo do 2026 Redacción

O estudio Wildlight Entertainment anunciou o peche definitivo de Highguard, o seu shooter multixogador gratuíto centrado en asedios, que deixará de estar operativo o vindeiro 12 de marzo. O título, lanzado o pasado 26 de xaneiro, non conseguiu consolidar unha base de xogadores suficiente para garantir a súa continuidade a longo prazo, lembrando ao que aconteceu con Concord (título que anunciou a súa retirada só 2 semanas despois do seu lanzamento).
Segundo explicou o propio estudio nun comunicado publicado nas redes sociais, máis de dous millóns de persoas chegaron a probar o xogo desde o seu lanzamento. «Compartistes comentarios, creastes contido e moitos creron no que estabamos construíndo. Por iso estamos profundamente agradecidos», sinala a mensaxe. Con todo, o equipo recoñece que o proxecto non conseguiu manter unha comunidade activa que permitise sostelo economicamente.
Os servidores permanecerán en funcionamento ata o día do peche, e o estudio prepara unha última actualización que se publicará nos vindeiros días. Este parche final incorporará un novo personaxe xogable (Warden), unha nova arma, progresión de nivel de conta e árbores de habilidades, ademais doutros axustes pendentes.
A traxectoria de Highguard estivo marcada por dificultades desde a súa presentación pública. O xogo foi revelado como a última estrea mundial na gala The Game Awards 2025, onde xerou reaccións dispares entre o público. A proposta, baseada nun modelo de servizo continuo (live service), chegou a un mercado saturado deste tipo de títulos, o que complicou a súa acollida.
Aínda que o lanzamento inicial reuniu un número considerable de xogadores, a actividade reduciuse rapidamente nas semanas seguintes. Pouco despois da estrea, Wildlight anunciou despedimentos que afectaron á maior parte do persoal do estudio, deixando menos de vinte empregados.
Wildlight foi fundado por antigos desenvolvedores de Respawn Entertainment que participaran en proxectos como Apex Legends e Titanfall. Aínda que o estudio opera de maneira independente, o financiamento de Highguard contou parcialmente co apoio do conglomerado tecnolóxico chinés Tencent.

Tráiler de lanzamento do xogo