IBM, HP, Bull e Fujitsu participan en Santiago na entrega de premios do Máster en Computación de Altas Prestacións

martes, 11 de marzo do 2014 Redacción

Javier García Tobío, director do CESGA

Hoxe celébrase no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) o acto de entrega de galardóns aos mellores proxectos fin de Máster en Computación de Altas Prestacións. A cita contará con representantes das dúas universidades galegas co-organizadoras (USC e UDC), das sete multinacionais que apoian esta achega formativa (IBM, HP, BULL, Fujitsu, AMD, Amazon e Gompute), do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e do propio CESGA. Segundo nos conta dende este centro de investigación galego, estamos ante un caso único no eido da formación académica en España. A razón? Ter xuntado, arroupando o máster, tal cantidade e variedade de entidades.
O acto comeza ás 17.00 horas e inclúe un acto de apertura a cargo de Tomás Fernández Pena, coordinador do máster. A continuación, celebrarase a entrega de galardóns en si mesma, contándose coa presenza os representantes das devanditas multinacionais do eido tecnolóxico.
Un xurado composto por membros do profesorado e técnicos de recoñecida experiencia no Centro de Supercomputación e nas empresas patrocinadoras destes premios decidiu os días pasados os proxectos premiados de entre o grupo de finalistas que presentarán o seu proxecto.
No acto repartiranse catro premios; HP, IBM e Fujitsu entregarán tres deles aos mellores proxectos fin de Máster e a tecnolóxica europea BULL fará entrega dun premio ao mellor expediente académico. Entre os finalistas que este ano compiten atópanse proxectos que abordan problemas científico técnicos con aplicacións prácticas de alto interese para a industria.