Ideaspropias Editorial estreáse no ámbito dos audiolibros

mércores, 27 de xullo do 2022 S. P.

Pedro López, director xeral de Ideaspropias Editorial

Ideaspropias Editorial, selo galego con máis de 15 anos de actividade no sector editorial, vén de marcar un importante (e innovador) fito na súa andaina tras publicar o seu primeiro audiolibro didáctico. A iniciativa responde á necesidade de adiantarse ás transformacións que está a experimentar o sector: “A dixitalización do sector editorial é un dos temas máis debatidos en feiras, congresos e foros profesionais e logo da irrupción do ebook e o uso dos dispositivos electrónicos, que non frearon a actividade das editoriais, que seguen publicando libros en papel, un dos formatos que se consolidou durante estes anos de pandemia foi o audiolibro”.
Para corroboralo, Ideaspropias lembra que a lectura dos libros falados incrementouse dun 3,1 a un 5,2 % durante o 2021, segundo datos do Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros en España. “As editoriais non son alleas a este novo modelo de consumo e comezaron a adaptar e editar os seus contidos para facilitar os seus libros neste sistema de lectura audíbel”, engaden dende o selo galego, pertencente ao Grupo FEMXA.
Ideaspropias Editorial conta cun amplo catálogo de libros, ebooks, cursos de e-learning e, agora, audiolibros. Pedro López, director xeral de Ideaspropias, afirma que “o obxectivo dos nosos audiolibros didácticos é por a disposición de todas as persoas, sexa cal for a súa condición, os contidos máis actualizados en formato audio”. Ademais, Pedro López comenta que os audiolibros teñen moitas vantaxes no sector da formación e aprendizaxe a distancia. Neste sentido, López asegura que “o audiolibro non só permite conservar os contidos de maneira permanente e chegar a un amplo espectro de lectores, senón que tamén é un formato habitual entre a poboación nova e, por tanto, facilitar os contidos neste sistema axuda a fomentar a lectura a través de medios dixitais neste colectivo”.
Ideaspropias inaugurou a súa colección de audiolibros con Ecoturismo, un título de 11 pistas en MP3 no que se profunda sobre a historia e a evolución do ecoturismo, os lugares nos que se desenvolve, o perfil do ecoturista e a relevancia da protección dos recursos naturais e a educación ambiental.
Servicio de vinos o Teleformación para docentes son os vindeiros títulos en formato audíbel que incorporará Ideaspropias a súa estreada colección. Todos estes audiolibros están dispoñíbeis tanto para centros educativos e de formación que queiran incorporar este formato aos seus cursos de ensino a distancia (e-learning) como para particulares que poderán adquirir estes arquivos na páxina web de Ideaspropias Editorial e gozar da literatura didáctica narrada.

PUBLICIDADE